Proxectos

PuntoGal renova o apoio á Folkoteca Galega no seu proxecto de dixitalización de música tradicional

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024.- O presidente de PuntoGal, Manuel González, e o responsable da Folkoteca Galega, Julio Jesús León Pérez, renovaron o covenio de colaboración polo que o dominio seguirá apoiando a este proxecto de dixitalización da música tradicional galega.

Folkoteca Galega é un proxecto sen ánimo de lucro para recoller, clasificar, dixitalizar, difundir e espallar a música tradicional galega a través da web, folkotecagalega.gal, coa que leva colaborando PuntoGal dende o 2021. O seu obxectivo fundacional é fornecer acceso a recursos deste tipo de música a todos os interesados en coñecela, aprendela ou usala no ámbito didáctico.

A páxina emprega o dominio folkotecagalega.gal, desde onde segue non só a recoller as cantigas tradicionais nas súas diferentes formas, senón tamén a reproducir as súas partituras. Traballo que liga coa candidatura do ano 2025 do Día das Letras Galegas, dedicado ao cancioneiro popular galego e as cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar.

Folkotecagalega.gal é unha desa inciativas das que fala a Academia, que recollen individualmente os cancioneiros populares e contribúen a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística deostada durante séculos.

PuntoGal engloba esta colaboración dentro das súas accións corporativas de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia