Novas, Novas de interese

PuntoGal resalta o seu labor no campo das TIC e da ciberseguridade, nun encontro institucional co Concello da Coruña

O presidente da entidade xestora do dominio galego, Manuel González, reuniuse co concelleiro de Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, para repasar a andadura do rexistro nos seus primeiros dez anos en funcionamento

 

O presidente de PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego, Manuel González, e mais o director xeral da entidade, Darío Janeiro, mantiveron este martes unha xuntanza no Concello da Coruña co concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, no marco da axenda institucional para a celebración do décimo aniversario da activación de .gal. O encontro serviu para facer balance destes dez anos de funcionamento do rexistro, que, como salientou González, conta xa con preto de 7.300 dominios e ten unha taxa de renovación que supera o 90%, cifras que permiten o seu autofinanciamento, cuns beneficios que se reinvisten en programas de apoio á cultura, a lingua e á tecnoloxía de Galicia. A este respecto, na reunión afondouse no traballo que PuntoGal desenvolve no ámbito das TIC, con especial atención á ciberseguridade.

 

“Que o .gal sexa un dominio seguro é unha prioridade para nós”, salientou Janeiro, quen citou algúns dos proxectos que o rexistro desenvolve neste campo, como os convenios internacionais para a protección das persoas e entidades usuarias. Nesta liña, recordou que o dominio identificador de Galicia na redes forma parte da Global Cyber Alliance, organización internacional dedicada a crear comunidades que desenvolven ferramentas, servizos e programas para mellorar a seguridade na rede a escala mundial, e do nodo ciber.gal, conformado por administracións públicas galegas e entidades privadas, e creado co obxectivo de ofrecer un contorno dixital seguro fronte aos ataques cibernéticos e para fomentar a innovación e o talento neste ámbito.

 

Pola súa banda, o presidente da xestora do dominio galego destacou o feito de que as Administracións galegas, sexan xa, na súa maioría, .gal, como ocorre co Concello da Coruña, cidade na que,  lembrou González, ten a súa sede a entidade xestora do dominio e na que se desenvolven algúns dos seus proxectos corporativos, como o certame de microrrelatos que PuntoGal desenvolve en colaboración coa Real Academia Galega, entre outros.

 

Neste sentido, o presidente de PuntoGal lembrou algunhas das liñas de acción de PuntoGal en eidos como a tecnoloxía, a cultura e a comunicación, a promoción da lingua e da igualdade de xénero, ou o ámbito lúdico e deportivo, sen esquecer o valor do uso de .gal como identificador no mundo empresarial, e recordou as máis de 110 as institucións e entidades coas que PuntoGal ten colaborado nestes dez anos, desde a RAG ata as tres Universidades de Galicia, o mundo da edición galega, asociacións e colexios profesionais do ámbito da informática e das telecomunicacións, o Consello da Xuventude de Galicia, o Colexio de Xornalistas de Galicia, o Colexio de Arquitectura de Galicia, o Consello da Avogacía Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, o Eixo Atlántico ou o Museo do Pobo Galego.

 

Pola súa banda, o responsable municipal de Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, destacou durante a xuntanza o uso activo que o Concello da Coruña fai do .gal e parabenizou o labor do dominio galego e polos proxectos en marcha, polos que amosou o seu interese.

 

Sobre PuntoGal

 

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.300 dominios .gal rexistrados.

 

Para máis información:

Alba e Ángela: comunicacion@dominio.gal, 623 333 082.

Sala de prensa: https://i.gal/10anos

www.dominio.gal