Manuel González reivindica o papel do dominio como “carné de identidade” galego na rede no seu décimo aniversario
Unha delegación da entidade que xestiona o identificador de Galicia en internet reuniuse co presidente da institución e cos representantes de todos os grupos parlamentarios para conmemorar os dez anos do .gal
González lembrou a declaración institucional do Parlamento galego apoiando un dominio que xa supera os 7.200 rexistros
Unha representación de PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego, encabezada polo seu presidente, Manuel González, acudiu este martes, 15 de outubro, ao Parlamento galego para se reunir co presidente desta institución e con representantes de todos os grupos parlamentarios, no décimo aniversario da activación oficial de .gal e da declaración institucional unánime, por parte do Parlamento, de apoio ao dominio. O encontro, que se insire na axenda institucional da celebración dos dez anos do .gal, serviulle ao presidente do rexistro para agradecer o apoio “claro e decidido” do máximo órgano de representación da soberanía popular galega ao dominio, que hoxe supera xa os 7.200 rexistros, e reivindicalo como “carné de identidade” de todas aquelas persoas que se sintan galegas, “atópense en Galicia, na Arxentina, en México, en Alemaña, no Reino Unido ou nos Países Baixos, porque o ciberespazo non entende de fronteiras”.
“O dominio .gal abriu un novo horizonte para a presenza da lingua e a cultura galegas no ciberespazo, dándolles visibilidade universal”, salientou González, que demandou, de cara aos vindeiros anos, “esforzarnos en que sexa o dominio por excelencia de todos os galegos e as galegas, que aumente a proxección e o coñecemento de Galicia, que faga máis compacta a nosa cohesión social, que contribúa ao aumento da nosa autoestima ao identificarnos co progreso e coa modernidade, e que xere uns beneficios que, aínda que modestos, son necesarios para o fomento das tecnoloxías en Galicia e da normalización da nosa lingua”. Neste eido, o representante de PuntoGal fixo un chamado á acción a todos os grupos con representación parlamentaria, á vista dos datos “preocupantes” feitos públicos polo IGE sobre a deriva do uso social do galego. “Non deben servir só para a reflexión senón para desencadear un conxunto de actuacións inmediatas dos poderes públicos”, reclamou.
Na súa intervención, o presidente de PuntoGal quixo destacar ademais o traballo “totalmente altruísta” destes dez últimos anos, por parte de PuntoGal, en prol do desenvolvemento das TIC en galego ou de iniciativas culturais e deportivas “que contribúen a afondar na nosa identidade”. Así, citou as máis de 110 entidades e institucións coas que se colaborou, que inclúen desde a Real Academia Galega ata as tres Universidades de Galicia, o mundo da edición galega, as asociacións e colexios profesionais do ámbito da informática e das telecomunicacións, o Consello da Xuventude de Galicia, o Colexio de Xornalistas de Galicia, o Colexio de Arquitectura de Galicia, o Consello da Avogacía Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, o Eixo Atlántico ou o Museo do Pobo Galego, e lembrou algunhas das liñas de acción de PuntoGal en eidos como a tecnoloxía, a cultura e a comunicación, a promoción da lingua e da igualdade de xénero, ou o ámbito lúdico e deportivo, sen esquecer o valor do uso de .gal no mundo empresarial, “ visibilizando o valor engadido que teñen certos produtos ou realidades pola súa identificación con Galicia: peixes, viños, natureza, turismo, arquitectura, Camiño de Santiago”.
Tamén incidiu González na contribución do .gal no desenvolvemento das novas tecnoloxías en Galicia e do uso do galego nelas, coa promoción activa na localización de software en galego e como acicate para a creación de contidos en galego.
Na reunión estiveron presentes, ademais de González, o vicepresidente do dominio, Camilo Regueiro; a secretaria, Edita de Lorenzo; e o director xeral, Darío Janeiro.
O presidente do Parlamento Miguel Santalices, interesouse polo traballo do dominio destes anos e, ao igual que o resto dos representantes dos grupos, salientou o logro de ter un dominio propio que identifique a Galicia na rede, ao tempo que reiterou o apoio do Parlamento a esta iniciativa. Na xuntanza participaron, polo grupo do PP, o deputado José Luis Ferro, polo do BNG, Montserrat Prado, polo grupo do PSdeG, Julio Abalde, e polo grupo mixto, Armando Ojea.