Novas
PuntoGal reforza o seu compromiso cunha Internet máis segura xunto á IWF
PuntoGal reforza o seu compromiso cunha Internet máis segura xunto á IWF
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026 · O dominio .gal continúa alleo ás principais prácticas fraudulentas detectadas na rede. Así o confirma o último informe da Internet Watch Foundation (IWF), organización internacional coa que PuntoGal colabora desde 2024 para reforzar a seguridade da comunidade galega en Internet.
A información facilitada periodicamente pola IWF permite a PuntoGal coñecer de primeira man a evolución das ameazas dixitais, mellorar os mecanismos de prevención e detectar con maior rapidez posibles usos maliciosos do dominio .gal.
No seus últimos informes mensuais, a IWF identifica máis de cen dominios fraudulentos distribuídos entre diferentes dominios de nivel superior (TLD), que suman máis de cincocentas páxinas web con contido ilícito ao mes.
Salto de dominios
Unha parte importante destes casos responde ao denominado domain hopping ou salto de dominios. Esta técnica consiste en rexistrar unha mesma páxina fraudulenta baixo diferentes extensións de dominio —por exemplo, .com, .net, .org ou outros TLD— mantendo a mesma identidade visual, marca ou contidos. Cando un dos dominios é bloqueado ou retirado, continúase a súa actividade desde outro, dificultando a detección e prolongando a vida destas campañas fraudulentas. Por cada dominio pódense atopar ata nove TLD rexistrados que permiten ata oito saltos entre páxinas web da mesma identidade. Nun último informe, rexistráronse arredor de catrocentos saltos de dominio, é dicir un total de 552 páxinas web con contidos maliciosos nos que un único TLD pode chegar a utilizarse en ata máis de trinta ocasións.
IWF traballa de forma proactiva para identificar e actuar contra o posible material de abuso sexual infantil difundido na rede. As tecnoloxías e servizos a disposición e ofrecidos por IWF axudan a procurar unha detección máis automatizada do contido ilícito en cuestión permitíndolles monitorar comportamentos abusivos, moderar usuarios sospeitosos e impedir a compartición do material. De igual forma, tamén axudan a outras empresas asociadas ofrecéndolles unha gama de servizos, dende listaxes ata alertas ou servizos de grupos de noticias, elaborados polos seus analistas co mesmo propósito
Os informes da IWF permiten facer un seguimento destas prácticas e incorporar esa información aos mecanismos de vixilancia de PuntoGal. Unha vez máis, os datos confirman que o dominio .gal permanece libre deste tipo de actividade, consolidándose como un espazo seguro e de confianza para persoas, empresas e organizacións.
Coa sinatura do convenio de colaboración en setembro de 2024, PuntoGal reforzou o seu compromiso coa protección da comunidade na rede e coa promoción dun ecosistema dixital baseado na confianza, a responsabilidade e as boas prácticas.
Podes consultar o informe completo de IWF nesta ligazón: https://www.iwf.org.uk/annual-data-insights-report-2025/.
Sobre a Internet Watch Foundation
A Internet Watch Foundation (IWF) é unha organización independente e sen ánimo de lucro fundada no Reino Unido en 1996. Traballa na identificación e eliminación de contido de abuso sexual infantil en Internet en colaboración con empresas tecnolóxicas, gobernos e organismos de seguridade de todo o mundo, co obxectivo de protexer a infancia e contribuír a unha Internet máis segura.
Máis información: iwf.org.uk
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados.
Para máis información: dominio.gal.