Novas
Éxito da selección galega de fútbol gaelico no mundial de Waterford
Galicia celebra os seus logros nos World Games 2026 da GAA celebrados en Waterford entre o 13 ao 17 de xullo, o mundial de fútbol gaélico máis multitudinario ata a data coa participación de 115 equipos e un total de 451 partidos disputados.
Neste gran torneo internacional de fútbol gaélico, a selección galega conseguiu unha participación excepcional acadando varios triunfos que a sitúan na elite do deporte ao regresar con tres trofeos tras competir con catro equipos. Todos os combinados nacionais contaron co patrocinio de PuntoGal.
A Selección Galega A feminina finalizou a fase de grupos na terceira posición e asegurou a súa presenza na loita pola copa Shield. Tras superar o equipo de Middle East en semifinais, as galegas impuxéronse a Canada A por 9-5, asegurando gañar a copa Shield dentro da Primeira División feminina.
Pola súa banda, a Selección Galega A masculina tamén trae a casa a copa Shield xa que un cuarto lugar na fase de grupos colocou aos futbolistas galegos fóra da final A (a Cup). Os galegos dobregaron a Canada Quebec por 7-3 en semifinais e derrotaron a Brittany A por 17-9 na final.
O éxito galego completouse co triunfo da Selección Galega feminina B na Segunda División tras dominar a Canada B (16-1) e vencer na final a US San Francisco por 12-4 cunha superioridade da Selección Galega Feminina B moi notable nesta categoría.
O único dos equipos que non conseguiu chegar á final, foi a selección masculina B que caeu ante Occitania en cuartos de final nos penaltis logo de empatar a 13 tantos.
Nestes mundiais, nos que competiron seleccións de todo o mundo, os equipos galegos tiveron unha participación moi salientable, demostrando que seguen na élite mundial. A Selección B feminina, por exemplo, destronou ás americanas que non perderan en todo o transcurso dos World Games 2026 ata que Galicia se cruzou no seu camiño.
O seleccionador do equipo de Galicia feminino A, Pablo da Silva, manifestaba estar “moi contento por ter acadado obxectivos, como clasificar ao equipo B para a súa final e gañala”. “No caso do A tivo unha fase de grupos moi complicada contra dos mellores equipos da categoría tivemos que ir a Shield por pouco, xa que empatamos o último partido, pero estamos moi contentas, desfrutamos e gañamos a todos os rivais importantes que era un obxectivo. A seguir desfrutando e intentalo para a próxima”, sinalou.
Os resultados deste campionato internacional demostran a gran saúde da a selección galega, non só en competicións nacionais senón tamén internacionais, sendo un deporte amateur que lle da moita importancia ao deporte de base.
PuntoGal é patrocinador da selección dende o 2019. Nos últimos anos de traballo colaborativo, o fútbol gaélico medrou dende a súa base grazas ás numerosas actividades e iniciativas da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, dende as Gaélico Escolas PuntoGal, con máis de 400 nenos de entre 10 e 16 anos que forman parte das escolas cada ano, ata as competicións e torneos que fortalecen a presenza desta disciplina deportiva.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do domino galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados.
Sobre a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG)
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico é o organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia, dende a súa aprobación oficial na convención Europea dos deportes gaélicos en decembro de 2013, o cal lles garante o carácter oficial internacional recoñecido polo máximo órgano, a Gaelic Athletic Asociation (GAA). A entidade encárgase de organizar as competicións galegas de fútbol gaélico (Liga, Copa, All-Galicia, etc.), da xestión da Selección Galega de Fútbol Gaélico e da organización de eventos deportivos asociados ao fútbol gaélico.