Novas

Todo listo para o autobán 2026, a cita da autoedición galega na Coruña

A Coruña, 13 de agosto de 2026 – PuntoGal renova o seu apoio á feira de autoedición Autobán, unha das citas de referencia para a creación independente en Galicia, que regresa este mes de agosto á Coruña cun amplo programa de actividades arredor do fanzine, a ilustración, o debuxo e a autoedición.

Como parte do seu compromiso co apoio ás iniciativas que impulsan a lingua e a cultura galegas, PuntoGal continúa a apostar polas feiras de autoedición como espazos fundamentais para a creatividade, a experimentación e o encontro entre persoas creadoras e público. A colaboración con este tipo de eventos contribúe á súa estabilidade e profesionalización, ao tempo que reforza a visibilidade da creación independente.

A programación do Autobán 2026 comeza o xoves 13 de agosto cun recital ilustrado no Circo de Artesáns, unha proposta na que poetas e ilustradores compartirán escenario para combinar palabra e imaxe en directo. Ao día seguinte, o venres 14, o mesmo espazo acollerá a entrega do III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, seguido do Autobombo, unha serie de presentacións rápidas de participantes nesta edición, e do tradicional Combate de Debuxantes.

Máis de 80 propostas no Mercado de Autoedición

O sábado 15 de agosto chegará a xornada central do evento coa celebración do Mercado de Autoedición na praza de San Andrés, que reunirá máis de 80 propostas procedentes de diferentes puntos da Península. Autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais presentarán e venderán as súas creacións nunha xornada aberta ao público que se prolongará desde o mediodía ata a noite.

 A programación completarase con actividades para diferentes públicos, entre elas o obradoiro infantil Deseña as túas propias pegatas, impartido por Uxía Larrosa, a Foliadabán co grupo folklórikes e un novo obradoiro de creación de fanzines, Criaturas grampadas, a cargo de Espazo Boh. A música tamén estará presente durante a xornada coas sesións de DJ Sekone e Xulia Vicente.

O programa inclúe ademais diferentes actividades vinculadas ao festival Viñetas desde o Atlántico, como a Expofanzines 2026, que poderá visitarse na Biblioteca de Estudos Locais entre o 10 de agosto e o 27 de setembro e reunirá os traballos presentados ao III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego.

 Un espazo para a creación independente

O Autobán consolidouse nos últimos anos como unha cita imprescindible para coñecer a diversidade da autoedición e da creación gráfica independente. Fanzines, ilustración, banda deseñada e todo tipo de formatos editoriais conviven nun evento caracterizado pola participación directa das persoas creadoras e por un modelo aberto, diverso e accesible.

A feira forma parte dunha rede de iniciativas culturais ás que PuntoGal presta apoio ao longo do ano e que contribúen a fortalecer os espazos de creación e difusión da cultura galega. Xunto con outras citas de autoedición, como FunFunFun ou Vaivavaia, o Autobán representa unha oportunidade para dar visibilidade a novos proxectos e conectar a comunidade creativa co público.

A programación completa do Autobán 2026 pode consultarse en autoban.gal