Novas
A campaña “Subscríbete ao galego” pecha unha nova edición cun balance moi positivo
Durante as dúas semanas de campaña, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas e o Día de Internet os usuarios puideron participar nesta iniciativa subscribíndose a medios de comunicación en galego.
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026.- A campaña “Subscríbete ao galego”, impulsada por PuntoGal, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) e dinahosting, vén de pechar a súa edición de 2026 cun balance moi satisfactorio, consolidándose un ano máis como unha iniciativa de referencia para apoiar o xornalismo en galego e fomentar a presenza da nosa lingua no ámbito dixital.
Durante as dúas semanas de campaña, desenvolvida entre o 17 e o 31 de maio coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas e o Día de Internet os usuarios puideron participar nesta iniciativa subscribíndose a medios de comunicación en galego e apostando por un ecosistema informativo propio, plural e comprometido coa lingua.
As persoas participantes recibiron como agasallo un dominio .GAL e un servizo de hosting gratuíto durante un ano, unha proposta que busca impulsar novos proxectos dixitais en galego e contribuír á normalización da lingua tamén na rede.
A campaña permitiu reforzar a visibilidade dos medios participantes e contribuíu a incrementar a súa base social, un aspecto fundamental para garantir a sustentabilidade do xornalismo en galego. Ademais, serviu para sensibilizar sobre a importancia de apoiar os medios que informan na nosa lingua e que desempeñan un papel esencial na creación dun espazo comunicativo propio para Galicia.
Dende AMEGA, PuntoGal e dinahosting valoran moi positivamente a resposta da cidadanía e agradecen a implicación tanto das persoas subscritoras como dos medios participantes, que volveron demostrar a capacidade do sector para traballar de maneira colaborativa en favor do galego.
Os medios que participaron nesta campaña son:
- A movida
- A Nova Peneira
- A Trabe de ouro
- Código Cero
- Mallando no Android
- Mazarelos
- Nós Diario
- O Salto Galiza
- OUké!
- Praza.gal
- Revista Grial
- Revista Luzes
- Tempos novos
- Tempos dixital
- Ou ké!
- AMSGO!
- A Xente de Teo
- Bisbarra
- Biosbardia
- Boísimo
- Crónicas da comarca
- Ecos da Comarca
- Emuga
- Galicia Confidencial
- Gciencia
- Galicia Xa
- Lindeiros
- Nós Televisión
- O Barbanza
- O Sil
- Picheleiro
- Ponte nas… Ondas!
- Que pasa na costa
- Revista Pincha
- Xornal da Coruña
- Xornal da Estrada
As entidades organizadoras xa traballan para dar continuidade a esta colaboración en futuras edicións e seguir impulsando iniciativas que reforcen a presenza do galego nos medios de comunicación e no ecosistema dixital.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre Dinahosting
Dinahosting leva máis de 20 anos ofrecendo solucións para todo tipo de proxectos web, dende as páxinas máis sinxelas ás infraestruturas online máis esixentes. O noso equipo humano e a nosa aposta polas tecnoloxías de última xeración permiten responder aos clientes na maior brevidade e en todo momento. Ademáis é un único rexistrador autorizado por ICANN en Galicia para a venda de dominios. Para saber máis: dinahosting.gal
Sobre AMEGA
AMEGA nace no 2013 cos principais obxectivos de defender os intereses dos seus asociados favorecendo así o fortalecemento dos medios de comunicación en galego, contribuíndo ao proceso de asentamento do sector e á consolidación dun espazo de comunicación en galego, fomentando a súa presenza pública, tanto individual como conxunta.
Máis información en mediosengalego.gal