Novas
PuntoGal reforza o seu compromiso co galego de Asturias a través dun acordo de colaboración con Axuntar
A Coruña, 30 de xuño de 2026.– PuntoGal e a asociación Axuntar veñen de asinar un convenio de colaboración co obxectivo de fortalecer as iniciativas de promoción, normalización e difusión do galego de Asturias, falado na comarca do Eo-Navia.
No marco deste acordo, PuntoGal comprométese a patrocinar a edición 2026 dos Premios Folgueira, uns galardóns que a asociación Axuntar entrega anualmente para recoñecer o labor de persoas, entidades e proxectos que contribúen á dignificación e normalización da lingua galega en Asturias.
Ademais, PuntoGal manifesta a súa vontade de colaborar na reedición das normas ortográficas do galego de Asturias publicadas pola Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca (MDGA) en 1990. Estas normas constitúen unha referencia fundamental para o estudo e a promoción da lingua e servirán de base para os cursos e actividades formativas que Axuntar organice no ámbito da normalización lingüística.
Como parte desta colaboración, PuntoGal facilitaralle tamén á asociación un dominio .gal para o seu sitio web principal. Axuntar ten previsto adoptar un dominio .gal como enderezo principal da súa páxina e empregalo en todas as súas comunicacións dixitais, reforzando así a súa identificación coa comunidade lingüística e cultural galega.
“PuntoGal é un dominio lingüístico-cultural, que pretende servir de nexo de unión e de pertenza a unha comunidade lingüística para todas as persoas e entidades que se expresen en lingua galega en calquera parte do mundo, estean en Galicia, nos territorios de fala galega de Asturias, Castela e León ou Estremadura, en América ou en calquera outro lugar”, comenta Manuel González, presidente de PuntoGal, e “PuntoGal ten a obriga de xestionar con eficiencia e solvencia técnica o dominio de internet .gal, pero como responsable deste dominio lingüístico-cultural ten tamén o compromiso de promover e apoiar proxectos e actividades destinadas ao fomento da lingua e da cultura galegas, así como ao desenvolvemento de tecnoloxías en lingua galega.”
Neste sentido, González comentou: “Axuntar é unha asociación que leva no seu ADN o traballo pola conservación e promoción do uso do galego de Asturias, e, xa que logo, coinciden plenamente neste aspecto os seus obxectivos cos de PuntoGal. Por isto para PuntoGal é unha enorme satisfacción colaborar con Axuntar para avanzar no recoñecemento e no exercicio dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes do occidente de Asturias e para afortalar e facer máis vizoso o uso da lingua galega neste territorio.”
Pola súa banda, Natalia Jardón, Presidenta de Axunta, declarou que “seguindo as recomendacións do Consello de Europa no seu informe de 2024, Axuntar establece lazos de cooperación con organizacións que defenden a nosa lingua común, o galego, independentemente das fronteiras administrativas. Agradecemos o apoio de .gal e esperamos que esta colaboración axude a visibilizar e dignificar a nosa terra galegofalante en Asturias.”
“Esta colaboración vai permitirnos elaborar materiais para futuros docentes e para toda as persoas que desexen unha formación rigorosa na nosa variante xeolectal,” comentou Jardó, “sobre a súa historia, normativa, material léxico e gramatical, a súa literatura, etc. Como primeiro paso, grazas a .gal, poñeremos a disposición do público unha nova edición das Normas Ortográficas publicadas por profesores e lingüistas de Asturias e Galicia no ano 1990.”
Sobre este convenio de colaboración, o director xeral de Puntogal, Darío Janeiro, comentou que “o galego é unha lingua que transcende as fronteiras administrativas, e o galego de Asturias forma parte dun patrimonio lingüístico común que cómpre preservar e promover. Para PuntoGal é unha satisfacción colaborar con Axuntar, unha entidade que leva anos realizando un traballo exemplar en defensa da lingua e da cultura do Eo-Navia. A través deste convenio queremos contribuír tanto á visibilidade social do galego de Asturias como á súa presenza no ámbito dixital. O dominio .gal é unha ferramenta ao servizo de toda a comunidade lingüística galega, e estamos orgullosos de que Axuntar aposte por incorporalo ás súas comunicacións e á súa identidade na rede,” terciou Janeiro. “O apoio aos Premios Folgueira e á reedición das normas ortográficas publicadas pola MDGA responde ao compromiso de PuntoGal coa promoción do galego en todas as súas expresións territoriais. Preservar a lingua é tamén apoiar ás persoas e entidades que traballan cada día para mantela viva e proxectala cara ao futuro. PuntoGal tamén e a casa dixital do galego de Asturias”, rematou.
A asociación Axuntar traballa desde hai anos pola conservación, promoción e transmisión do galego propio do Eo-Navia, unha variedade lingüística que forma parte do patrimonio cultural e lingüístico compartido entre Galicia e Asturias.
Para PuntoGal, este convenio enmárcase no seu compromiso de apoiar iniciativas que fortalecen o uso social da lingua galega e contribúen á súa presenza en todos os territorios onde se fala, así como no ámbito dixital.
A través desta colaboración, ambas entidades reafirman a súa vontade de sumar esforzos para garantir a visibilidade, a transmisión e o futuro do galego de Asturias, promovendo accións que reforcen tanto o seu prestixio social como a súa presenza na rede.
Sobre Axuntar
Axuntar é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que traballa pola conservación, promoción e normalización do galego de Asturias, propio da comarca do Eo-Navia. A entidade desenvolve actividades de divulgación, formación e sensibilización co obxectivo de fortalecer o uso social da lingua e contribuír á súa transmisión ás novas xeracións.Organizan os Premios Folgueira, que recoñecen o labor de persoas e entidades comprometidas coa dignificación do galego de Asturias, e promoven recursos lingüísticos, publicacións e actividades formativas orientadas á protección e valorización deste patrimonio cultural e lingüístico.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.