Novas

Dez anos de colaboración para asegurar que a pegada dixital do galego non desapareza

A Biblioteca de Galicia e a BNE finalizan con éxito a décima recolección masiva anual do dominio .gal con máis de 7.600 dominios

 

A Biblioteca de Galicia en colaboración coa BNE e PuntoGal, entidade encargada da xestión e promoción dos dominios .gal, finalizou con éxito a décima recolección masiva do dominio .gal, logrando recoller máis de 7.600 dominios.

Internet é un espazo moi efémero no que constantemente se crean e desaparecen sitios web. Certos estudos sitúan a vida dunha páxina web entre os catro meses e os dous anos; de aí que sexa tan importante o gardado destes sitios para a preservación deste patrimonio dixital.

No caso do dominio .gal, este procedemento é especialmente transcendental, pois supón a fonte máis importante da utilización do galego en todo tipo de contextos e situacións. Os gardados masivos non son só unha “foto fixa” deste dominio para a posterioridade, senón que suporán unha importante mostra do uso da lingua galega en Internet para os investigadores do futuro.

O procedemento iníciase coa obtención da listaxe actualizada de dominios aportada por PuntoGal e a Biblioteca de Galicia. Posteriormente, despois de depurar as direccións inactivas, o Arquivo da Web Española realiza a descarga automatizada mediante o software especializado Heritrix, aplicando límites previos de tamaño e profundidade de rastrexo.

Estes gardados masivos compleméntanse coa colección sobre Galicia que seleccionan os conservadores web da Biblioteca de Galicia. Un fondo que supera xa os 1.900 páxinas web, das cales preto de 1.500 seguen a conservarse de xeito periódico.

Todos estes contidos poden consultarse a través da Busca do Arquivo da Web Española | Biblioteca Nacional de España. Debido a que están suxeitos a dereitos de autor vixentes, só é posible acceder a eles dende os ordenadores seguro da Biblioteca de Galicia, da BNE e da rede de centros de conservación repartidos por toda España.