Novas de interese, Novas destacadas, Proxectos, Proxectos destacados

PuntoGal axuda na conservación da tradición oral

O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) é o programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial que desde o Museo do Pobo Galego se puxo a andar en abril de 2007.É un arquivo público e accesible que ofrece gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural.

Así se recollen os datos de contexto: todo o que está escrito nas casetes ou na caixa ten que pasar as bases de datos xunto co son. Son elementos de información de moitísimo valor tanto para a peza en cuestión como para nos axudar a identificar outras que non traen os datos completos.

Os primeiros fondos musicais do APOI foron doados por Baldomero Iglesias (Mero) e Xosé Luís Rivas (Mini), os cales, cando cederon o seu arquivo persoal ao Museo do Pobo Galego, fixeron sempre explícita a súa firme opción por facer públicas as súas gravacións para que “volvan ao pobo do que saíron, tal como a xente do pobo llas fixo chegar a eles”. Esta entrega xenerosa non constitúe a súa contribución exclusiva, senón que manteñen a colaboración nos traballos de edición e información dos materiais.

Hoxe, o APOI leva editados case 25.000 cortes de audio, que pouco a pouco se van poñendo online para permitir a súa difusión entre o público. O máis antigo data de 1972, e o máis novo podería ser de hoxe mesmo, porque as achegas seguen na actualidade. Cando chega unha gravación ao APOI, pasa por diferentes pasos:

Dadas as características técnicas das fitas magnéticas nas que a maior parte foron recollidos, a súa deterioración é grande, e moitas delas non resistirían máis dunha ou dúas audicións sen agravarse o seu estado de xeito irreversible. Por iso, cómpre dixitalizalos en canto sexa posible.
Despois sometemos os materiais recollidos “en bruto” a un proceso de edición coa finalidade de trocalos en documentos aptos para a consulta e a divulgación, pasando pola seguintes etapas:

1.- Dixitalización dos materiais orixinais cedidos.
2.- Edición das gravacións.
3.- Transcrición dos materiais. Recompilación dos datos asociados ao material.
4.- Confección do arquivo sonoro. Creación da base de datos referencial e documental anexa aos rexistros de son.
5.- Subida dos materiais a web para a súa consulta on-line

Así chegan os mellores materiais: En casetes, ben coidados, con orde.

Os traballos de dixitalización dos soportes orixinais no APOI fanos sempre profesionais especializados aos que lles encargamos a salvagarda do material nunha copia de alta calidade (similar ao orixinal pero dixital) e outras menos pesadas para o traballo ordinario. A partires dese momento traballamos xa co material dixital que admite formatos e copias que non poñen en perigo os orixinais. Os traballos de análise musical, etnográfica ou antropolóxica fanos tamén distintos especialistas que colaboran ou colaboraron co APOI, en modo profesional ou voluntario, pero sempre asinando as súas achegas.

Tendo en conta o traballo que implica cada un dos pasos, a achega de PuntoGal a este traballo significa o procesamento de mil gravacións de audio, ou polo menos ese é o obxectivo marcado polos profesionais do APOI, e que será unha parte moi importante do material que Dorothé Schubarth gravou en Galicia nos anos 70 e 80 e que foi a base do monumental Cancioneiro Popular Galego que editou xunto con Antón Santamarina.

Esta é unha ficha de recolla propia dun antropólogo/etnógrafo con experiencia. Recolle todos os datos básicos da entrevista da persoa, o lugar, a data, o aparello de rexistro, etc. e engade os contidos da conversa nas correspondentes voltas de cinta (é unha especie de código temporal analóxico, propio de cando as cintas daban voltas e s podiamos coñecer a localización dun contido indo ate a volta correspondente).

Este traballo, ademais, permite o uso destas pezas por calquera que teña interese en incorporalas a unha obra orixinal, a un proxecto docente ou a calquera obra, tendo en conta as limitacións de copyright: pódese usar para crear unha obra propia, remisturala ou modificala, pero sempre citando o orixinal. E, sobre todo, se a obra está protexida por copyright, débese especificar que o material orixinal do APOI non quedará afectado por el. O material é público e ninguén se pode apropiar del. En caso de ser unha obra lucrativa hai que solicitar permiso previo ao Museo, que o concederá sen problema.

E, por suposto, en caso de ter na casa algunha gravación que pensemos que pode ser de interese,  non debemos dubidar en nos poñer en contacto con apoi@museodopobo.gal para lles contar o caso. Xa eles se poñen mans a obra para recollelas e que non se perdan.

E se queredes ver as xoias que se gardan no arquivo, so tedes que pasar pola web e facer unha busca. Fotos, vídeos e horas de gravacións cheas de sorpresas vos agardan. Se queredes ver un pequeno avance, aquí tedes unhas propostas:

“Miña sogra cando berra”

“Muiñeira de Ai La La Lara”