Novas de interese

PuntoGal participa no Día das Rapazas nas TIC

O Día Internacional das Rapazas nas TIC será celebrado o próximo 28 de abril nun acto organizado polo CESGA e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a través dunha multiconferencia web. A celebración deste día, que coincide co cuarto xoves do mes de abril, foi decidida pola Unión Internacional de Telecomunicacións das Nacións Unidas no ano 2010, e ten como obxectivo alentar as vocacións tecnolóxicas nas rapazas e nenas para que as consideren no seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

O Centro de Supercomputación de Galicia, ou CESGA, ven celebrando nos últimos anos actos en relación con este movemento. Este ano farán unha multiconferencia web, onde participaran catro profesionais galegas do sector das TICs, e contarán a súa traxectoria e onde traballan ás rapazas e rapaces de primaria e secundaria que poderán interactuar en diálogo con elas.

As ponentes deste ano son unhas referentes das TIC galegas, destacamos a participación da secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo, Profesora Titular do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións da UVigo. Foi a primeira directora dunha escola de enxeñaría de Galicia, a de Telecomunicación da UVigo. Outra das ponentes é Laura Martínez Calvo, licenciada en Farmacia pola USC, Máster en Investigación Biomédica e Doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeoestatísticas no estudo de enfermedades complexas, Dhaunae de Vir que traballa como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive e Lucía Ardao, Licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business e programa Executiva da Xunta de Galicia.

Todas aquelas persoas que queiran participar, poderán inscribirse no formulario da web do CESGA, https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/es/, onde tamén se pode atopar máis información sobre o acto e as participantes. A día de hoxe xa hai máis de 1000 estudantes de máis de 22 centros apuntados para conectarse o día 28 na sesión que terá lugar de 11:00 a 12:30 horas cunha visita aos estudantes asistentes ao supercomputador Finis Terrae III nas instalacións do CESGA. A sesión estará precedida por unha benvida da presidenta do CESGA, Patricia Argerey Vilar e da Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

PuntoGal participa deste envento como ven facendo nos últimos catro anos, pola súa implicación na difusión das carreiras tecnolóxicas das rapazas no sector da Tecnoloxía e comunicación dentro de Galicia. Ademais dos organizadores, esta actividade conta coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e FP, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Xunta de Galicia), do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, sección Galicia (AMIT-Gal), da Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da USC, da Facultade de Informática da UDC, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e do GalsTech, Hello Sisters!