Proxectos, Proxectos destacados

PuntoGal e Recuncho Gamer lanzan un Dicionario Gamer en galego en vídeos dun minuto

O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e o director de Recuncho Gamer, Iago Gordillo, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal se elaborará un glosario de termos relacionados cos videoxogos, o Dicionario Gamer, que explicará de xeito sinxelo, en vídeo, palabras relacionadas co mundo do xogos. A sinatura realizouse de xeito telemático.

Hoxe mesmo se pode consultar o primeiro vídeo en recunchogamer.gal, e se irá engandindo un novo cada mércores, comezando mañá día 20.

 

PuntoGal e Recuncho Gamer

PuntoGal ve nesta colaboración “un xeito de divulgar en galego unha cultura e unha industria que, descoñecida para algunha xeración, cada vez está máis presente na vida diaria de moita xente”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro. “Os videoxogos son parte central da cultura conectada, e en Galicia no só destacan como actividade de lecer, seno tamén como actividade económica que une as industrias culturais, as tecnoloxías da comunicación e o audiovisual”, concluíu.

Pola súa banda, Iago Gordillo, director de Recuncho Gamer, quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “segue a liña do noso proxecto: divulgar entretendo sobre o videoxogo como un dos produtos culturais máis completos”. Gordillo sinala tamén que “é un pracer sumarse ao resto de iniciativas que veñen traballando e espallando a lingua galega baixo a colaboración de PuntoGal”.

PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. A día de hoxe, conta máis de 6.350 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares. Este patrocinio forma parte do programa corporativo de apoio a novos formatos de comunicación, no que se inclúen directos de divulgación científica en Twitch como BaleaVermella e podcasts como Descifrando a Historia, As Womansplainers e CaféDerby21.

Recuncho Gamer é un proxecto audiovisual en galego sobre os videoxogos que acumula 200.000 visualizacións. A iniciativa vén de recibir o premio Canle pioneira nos Premios Youtubeiras e foi finalista a nivel estatal como mellor medio audiovisual nos premios Devuego.