Proxectos

PuntoGal e videoxogo.gal asinan un acordo de colaboración

O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e a presidenta de videoxogo.gal, Luz Castro Pena, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a asociación de desenvolvedores de videoxogos e contidos interactivos comprométese a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, as empresas e profesionais socias de videoxogos.gal poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático

 

PuntoGal e a Asociación galega de videoxogos e contidos interactivos

PuntoGal, ve nesta colaboración “un xeito de promover unha industria en crecemento que está especialmente representada en Galicia, e que dinamiza e está en constante conversa coas industrias culturais, o audiovisual e as TIC”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro, que remarca que “ten todo o sentido dar a coñecer estas actividades entre a xente nova, mostrando que pode ser unha saída profesional e un xeito de expresión, non só unha alternativa de lecer.“

Pola súa banda, Luz Castro, Presidenta de videoxogo.gal quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “contribuirá a dar visibilidade á industria galega dos videoxogos e contidos interactivos”.

Videoxogo.gal naceu en 2019 e actualmente conta con 12 entidades asociadas.

PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. A día de hoxe, conta máis de 6.300 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.