Novas, Novas de interese, Proxectos

Abertos ao Galego facilita o acceso ao dominio PuntoGal aos seus asociados

As dúas entidades acordan unha promoción para que Abertos ao Galego poda ofertalos de balde aos asociados interesados en usalos nas súas webs.

17 de marzo de 2022 | PuntoGal e a Mesa pola Normalización Lingüística acordaron unha promoción de dominios mediante a cal os establecementos adheridos ao proxecto Abertos ao Galego que aínda non teñan dominio .gal poderán facer o cambio de xeito gratuíto para eles. A entidade de defensa da lingua porase en contacto con elas en próximas datas para facerlles o ofrecemento e convida a aquelas que teñan maior interese a contactar directamente a través do correo-e abertosaogalego@amesa.gal.

Abertos ao Galego é un proxecto que a Mesa pola Normalización Lingüística puxo en andamento en 2008 para promover o uso do galego e darle visibilidade ás empresas que traballan en galego no seu día a día. Conta cunha aplicación para terminais Android e Apple onde están sinalados os establecementos que contan co certificado Abertos ao galego xunto a aqueles dos que temos constancia do uso do galego. PuntoGal forma parte de Abertos ao Galego e as dúas entidades colaboran noutros campos.

PuntoGal xestiona os dominios .gal. É unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 6300 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.