Novas, Novas de interese, Proxectos

PuntoGal renova o acordo de colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia

A Asociación de Enxeñeiros en Telecomunicación de Galicia (AETG) e PuntoGal manteñen as súas accións de colaboración coa renovación do convenio, para facer chegar ao colectivo de enxeñeiros de telecomunicación asociados un desconto á hora de obter un dominio .gal.

 

PuntoGal e a AETG

 

A colaboración de PuntoGal coa AETG iniciouse co nacemento do dominio. A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia forma parte dos dominios pioneiros e apoiou desde o primeiro momento a posta en marcha do rexistro galego. Froito da boa relación entre ambas entidades figuran, por exemplo, os actos conxuntos de conmemoración do Día das Letras Galegas ou a participación en feiras como o Culturgal.

Ambas entidades seguen mantendo o propósito de realizar actividades e proxectos de forma conxunta en asuntos que resulten de interese para ambas as entidades e os colectivos que representan como, por exemplo, a organización de actividades formativas, eventos de interese común, proxectos e publicacións, etc, ao abeiro do convenio marco que manteñen vixente. Entre estas actividades destacamos a participación de PuntoGal como entidade colaboradora na Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, evento organizado pola AETG, ou a publicación de artigos na revista especializada na área TIC da AETG, A Nosa Rede.

 

Esta acción enmárcase na colaboración institucional que existe entre ambas institucións dende a creación do dominio e no marco do plan de PuntoGal para incentivar o uso do dominio entre colectivos representativos da sociedade galega. O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que os asociados da AETG  poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros anuais máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través das empresas rexistradoras de dominios que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.

 

PuntoGal é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. A día de hoxe, conta máis de 6.300 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares. Máis información en www.dominio.gal.

 

Por outra banda, un dos principais obxectivos da AETG, é o de contribuír ao desenvolvemento e progreso de Galicia a través da difusión e potenciación das telecomunicacións e promocionar o uso das tecnoloxías da información e a comunicación no ámbito da nosa comunidade. Máis información en www.aetg.gal.