Novas, Novas de interese, Proxectos

PuntoGal e Balea Vermella renovan o convenio de patrocinio

O presidente de PuntoGal, Manuel González González e o representante de Balea Vermella, Javier Balea, asinaron a renovación do convenio de colaboración mediante o cal PuntoGal seguirá patrocinando o programa sobre ciencia en galego que se emite semanalmente mediante Twitch e se difunde a través doutras plataformas e redes sociais durante outros catro meses.

O espazo, Balea Vermella que está presentado por Javier Balea e Iria Veiga (Raíña Vermella), ambos divulgadores científicos con miles de seguidores nas redes sociais, abrangue diferentes temas relacionados coa ciencia, intentando ter unha perspectiva galega. Nas últimas edicións do seu programa puidemos ver persoeiros como Marilar Aleixandre falando sobre o acceso de mulleres á ciencia e María de la Fuente, CEO de DIVERSA Technologies. Tamén temas tan interesantes como os “Minerais contra o cancro” con Marta López, e soubemos un pouco máis sobre o NASA Webb Telescope da man de Begoña Vila.

PuntoGal sigue apoiando programas deste tipo que ten que ver cos seus obxectivos marcados no programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura, a sociedade ou a tecnoloxía en Galicia, como leva mostrando dende hai anos cos patrocinios con diferentes sectores da sociedade galega, que se poden revisar no apartado “Proxectos” da web da asociación.

PuntoGal é a asociación que xestiona os dominios .gal. É unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 6250 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.