Hoxe presentouse nos Xardíns do Campus de Ferrol unha nova edición da FIRST LEGO League Galicia. PuntoGal colaborará por quinto ano consecutivo como patrocinador deste evento, que se celebrará o sábado 5 de marzo no Auditorio Municipal de Ferrol + Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. A FIRST LEGO League, é un programa internacional que fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas entre mozos e mozas, a través dun desafío que os equipos deben resolver. Este evento esta organizado en Galicia pola Universidade da Coruña, a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e o Campus Industrial
No desafío deste ano, CARGO CONNECT, onde os participantes terán que desenvolver o noso sistema de transporte global, tendo en conta a seguridade, envío de transportes e a sustentabilidade, pedindo “que constrúan solucións creativas que revolucionen o futuro”. A FIRST LEGO invita ós equipos a descubrir a diversión e a emoción da ciencia e a tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas mentres resolven problemáticas reais. Os equipos deseñan, crean e proban robots autónomos e operados por controladores, que deberán superar unhas probas durante o torneo. O torneo será retransmitido por streaming.
Na edición deste ano cóntase coa participación de máis de 40 equipos e será presencial aínda que con limitacións de aforo, debido á crise da Covid-19. Da categoría Challenge que é a de maiores (de 9 a 16 anos) participarán 21 equipos e 20 equipos de menores de 9 anos.
Dentro da competición tamén hai un apartado para os máis pequenos, a FIRST LEGO League Explore (de 6 a 9 anos) e a FIRST LEGO League Discover (de 4 a 6 anos). Os máis pequenos deseñan e constrúen un modelo con ladrillos LEGO DUPLO e completan un caderno de enxeñaría, o que os axudará achegarse ao mundo STEM. Pola contra, os do grupo Explore teranse que enfrontar a tres retos: un traballo de investigación; programar, deseñar e construír un robot e participar nunha exposición do seu traballo e deseños.
PuntoGal mantén un convenio de colaboración e patrocinio coa Universidade da Coruña para apoiar o evento, que forma parte da área de proxectos institucionais apoiados dende o dominio. Esperámosvos alí!