Novas, Novas de interese, Proxectos

PuntoGal e a Asociación galega de fútbol gaélico lanzan a web gaelicoescolas.gal

Hoxe abriuse o acceso á nova web na que PuntoGal e a Asociación de fútbol gaélico informarán das actividades relacionadas con este deporte pensadas, sobre todo, para a xente máis nova. Gaelicoescolas.gal é unha páxina divulgativa sobre o fútbol gaélico, con todo tipo de artigos e guías sobre as súas regras e técnicas, incluído contido multimedia. O sitio complétase cunha sección de noticias e cunha axenda de actividades.

A web forma parte do convenio de colaboración establecido entre ambas entidades para promover un deporte “con valores deportivos aliñados cos de PuntoGal, nomeadamente a inclusividade, a colaboración e creación de comunidade, dado o carácter necesariamente local dos equipos”, en palabras de Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal.

Para Janeiro “o fútbol gaélico é tamén un dos deportes que fai que Galicia e a súa cultura se coñeza no exterior, dada a calidade das seleccións masculina e feminina”.

Pola súa banda, Angel Negrete, Presidente da Asociación de fútbol gaélico quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “pretendemos dar un paso adiante na implantación do deporte en Galicia e onde as nenas e nenos teñan o fútbol gaélico coma unha opción máis dentro da súa oferta deportiva. Trátase dun proxecto transversal no que queremos implicar tanto aos clubes de fútbol gaélico coma outro tipo de entidades como escolas ou ANPAS”.

Negrete tamén salientou que “o proxecto permítenos avanzar na seguinte fase, a de consolidación, e seguir sendo un proxecto de referencia en Europa”.

 

A Asociación de fútbol gaélico conta con 300 membros (masculino e feminino) e 10 clubes en activo. Máis información en www.gaelicogalego.gal.

 

PuntoGal é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. A día de hoxe, conta máis de 6.200 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares. Máis información en www.dominio.gal.