PuntoGal asinou un acordo de colaboración coa revista Luzes mediante o cal establécese un patrocinio co podcast As Womansplainers, espazo presentado pola Malvada profe, Sara Martínez, Saboridinha e Ghanito. O programa, do que xa se publicou o vixésimo episodio da segunda tempada, pode escoitarse nas plataformas máis habituais de audio, ademais de na emisora Cuac FM.
O último podcast, titulado Síndrome da impostora, afonda na experiencia psicolóxica de quen teme ser unha fraude intelectual e ser recoñecida, polo tanto, como impostora. “Falamos das nosas propias experiencias, de como e en que circunstancias nos foi infundida esa inseguridade e de persoeiros que teñen falado abertamente de padecela”, sinalan na presentación do programa. Máis información, aquí .
Neste espazo, que as autoras definen como “Señoras explicando cousas desde 2021”, tratáronse nesta tempada cuestións como o matriarcado, a arte, o Tindersplaining, a Universidade ou as relacións non convencionais. As Womansplainers forman parte da oferta de podcast da revista Luzes.
O convenio asinado por PuntoGal inclúese no programa corporativo do dominio de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura, a sociedade ou a tecnoloxía en Galicia. Unha das liñas de traballo dese programa é precisamente a colaboración con proxectos que aposten pola creación de contidos en galego, ámbito no que se inclúen tamén Balea Vermella, Descifrando a Historia ou Café Derby 21. PuntoGal conta actualmente con case 6.300 dominios rexistrados.