PuntoGal e a Biblioteca de Galicia, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, renovaron o convenio que permite facer unha recolección das páxinas que operan baixo o dominio .GAL para incorporalas á Colección web de Galicia ao seu depósito legal electrónico.
O rastrexo realízao unha vez máis a Biblioteca Nacional mediante o Archivo de la Web Española, que ten por obxectivo colleitar, organizar e preservar o patrimonio documental español en internet, asegurando o acceso a este. A Biblioteca Nacional colabora coa Biblioteca de Galicia desde o ano 2018 para facer esta recolección, poñendo á súa disposición as ferramentas precisas para o traballo.
A listaxe simple de páxinas do dominio .GAL compártese para este único uso coa Biblioteca Nacional de España para que pasen a formar parte da colección web de Galicia e o seu depósito legal electrónico. Este proceso faise mediante robots de rastreo que gardan de forma automática cada páxina ou sitio identificado. Estes contidos son indexados para facer futuras buscas sobre eles. No primeiro ano a recollida de información superou os 140GB de información.
Neste ano, a recollida será máis ampla, sobre un total de 6.120 dominios, cuxos contidos como noutros anos estarán accesibles a través de terminais seguros nos centros de conservación da Biblioteca de Galicia e na Biblioteca Nacional.
Con este convenio, PuntoGal axuda á conservación e á construción da memoria da rede en Galicia para o futuro.