Novas, Proxectos

PuntoGal e o podcast Descifrando a Historia asinan un convenio de colaboración

O presidente de PuntoGal, Manuel González González, e o autor de Descifrando a Historia, David Gesteira, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal PuntoGal patrocinará o programa en formato podcast sobre historia en galego que se emite cada dúas semanas nas plataformas iVoox, Spotify e Pod Galego.

O espazo Descifrando a Historia abrangue temas relacionados coa historia de Galicia e ten por principal obxectivo a divulgación e o coñecemento de feitos relevantes do noso pasado. Entre os temas que tratan figuran a arte e historia galegas, a conservación do noso patrimonio, a emigración, o celtismo, as Irmandades da Fala ou Lei de Memoria Histórica. Polo programa pasaron xa tamén numerosos expertos en distintas áreas, como Ramón Villares, Manuel Gago, Antón Losada, Pilar García Negro ou Xulio Ríos.

PuntoGal patrocina este podcast no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura, a sociedade ou a tecnoloxía en Galicia. Unha das súas liñas fundamentais é a colaboración con proxectos de creación de contidos en galego en novas plataformas, como son os casos de Balea Vermella, Café Derby ou Vinte na rede, entre outros.