Novas, Proxectos

Punto Gal seguirá colaborando con VINTE na súa sección Vinte na Rede

PuntoGal e a revista dixital VINTE, asociada ao xornal Praza.gal, renovan o convenio para a publicación da sección “VINTE na rede”, unha serie de reportaxes que de xeito periódico analizan a creación de contido en galego que podemos ver na web e nas redes sociais.

A colaboración para a publicación deste contido patrocinado por PuntoGal que xurdiu en xaneiro de 2020, continuará neste novo ano que comeza. Nas reportaxes do pasado 2021 puidemos coñecer a mellor creación galega en Twitch, Twitter, Youtube, Instagram e Tik Tok, pero tamén novas narrativas e linguaxes como a realidade virtual e aumentada, os podcasts, as newsletters ou os gifs animados, e os novos tipos de influencers da vida cotiá. Este ano tocaron temas de todo tipo, dende MissVaca2021, deportistas galegas en Toquio, xente de lonxe que aprende galego, e moito máis. Pecharon o 2021 presentando “Os mellores momentos da internet galega en 2021″, onde destacan feitos como a importancia do Dígocho eu como tendencia, a aparición de novas figuras mediáticas con voces moi diversas e novos proxectos da rede galega e en galego e como non destacando o último fenómeno viral do ano “as Tanxugueiras”.

VINTE é unha revista e plataforma de contido multimedia vinculada ao xornal Praza.gal e dirixida a un público de entre 20 e 45 anos. Naceu a finais de 2018 coa vocación de ser “a revista para a Galicia dos anos 20” e de producir xornalismo en diversos formatos para ofrecer unha visión fresca do que pasa en Galicia en cuestións de sociedade, cultura e tendencias. Os seus contidos distribúense a través da web vinte.praza.gal e dos seus perfís en Instagram, Facebook, Twitter e Youtube.

PUNTOGAL é a asociación que xestiona os dominios .gal. É unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 6200 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.