Novas, Novas de interese

Un compromiso común coa transformación dixital

Un artigo de Darío Janeiro, Director xeral do Dominio PuntoGal publicado na revista A Nosa Rede de decembro de 2021, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

 

Vinte e cinco anos despois, a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información consolidouse como un dos eventos de referencia das TIC en Galicia. O COETG-AETG aproveita a súa celebración para poñer sobre a mesa os retos que afronta o sector. Entre eles, a escasa presenza de mulleres nas profesións tecnolóxicas. Tamén, para salientar o traballo de persoas e entidades que están, co seu esforzo, a mellorar a sociedade desde as TIC. Como, por exemplo, o proxecto Escoita 5G, concibido para persoas con dificultades sensoriais.

PuntoGal, un dos patrocinadores de A Noite, mantén un vínculo especial coa AETG desde o seu nacemento. Máis aló da ligazón natural que nos une como sector, sempre lembraremos o apoio decidido que forneceu ao dominio durante o proceso de presentación da candidatura diante de ICANN e como un dos pioneiros. Unha aposta que continúa desde entón coa súa presenza ininterrompida nas distintas xuntas directivas. A colaboración mantense agora articulada mediante un convenio marco que nos permite facer actividades conxuntas e, por descontado, ofertar os dominios a un prezo máis económico aos seus asociados. Especial mención merece a celebración conxunta que realizamos con motivo do 17 de maio, onde se dan a man as letras galegas e internet, e que este ano dedicamos aos retos da intelixencia artificial ao servizo da lingua.

O lema elixido para este XXV aniversario foi Liderando a transformación dixital galega. Unha frase que resume non só a relevancia do sector TIC, senón tamén o proceso de dixitalización imparable que estamos a vivir, acelerado pola pandemia da Covid-19. Un panorama que o presidente do Colexio, Julio Sánchez Agrelo, resumiu no proceso de converter o mundo analóxico en bits que se poidan almacenar, procesar e transportar polo planeta.

Este camiño está inzado de momentos emocionantes, de retos complexos, de complicidades necesarias e de ameazas globais. Como sociedade, Galicia debe atopar o seu espazo nese mundo de bits onde ten que compartir espazo coas grandes corporacións multinacionais omnipresentes. Un espazo que só se pode conseguir co traballo e a profesionalidade do sector TIC, cada un desde a súa posición, pero sumando xuntos para darlle sentido á glocalización, a presenza do local no planeta conectado.

Como rexistro galego, PuntoGal traballa permanentemente en tres ámbitos. O primeiro, a xestión, cun parque que xa supera amplamente os seis mil dominios. Un conxunto de iniciativas cada vez máis complexo e variado, con presenza de administracións, empresas, institucións, entidades e particulares. O segundo espazo, a representación de Galicia diante dos organismos que xestionan a rede a nivel internacional. Como rexistro oficial de ICANN, PuntoGal participa nos foros nos que se abordan cuestións críticas como o modelo futuro da rede ou a ciberseguridade. Igualmente, o dominio galego é parte integrante da asociación de dominios Geotld Group e da entidade que reúne baixo un mesmo teito a rexistradores e rexistros, o RYSG Group. Neses foros PuntoGal pon sobre a mesa as cuestións relevantes para Galicia e, de forma inversa, informa aquí do que alí acontece para o seu coñecemento público.

A terceira, e non menos importante, é o mantemento do seu programa de acción corporativa. Consiste, basicamente, en darlle apoio a iniciativas relacionadas coas TIC galegas e en galego. Afortunadamente, o programa vai crecendo cada ano con novas incorporacións. A máis recente e ambiciosa ata a data é a sinatura dun convenio co Museo do Pobo Galego no que asumimos o compromiso de axudar no proceso de dixitalización da memoria inmaterial galega. O proxecto APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) é un repositorio público e accesible que ofrece gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural. O repositorio conta con fondos de natureza moi diversa, como relatos, música, poesía ou baile, así como información relacionada musicolóxica, lingüística ou etnográfica. O traballo que se realiza no arquivo inclúe o inventario dos soportes físicos, a transcrición, o estudo teórico das pezas e súa catalogación e difusión. Os seus contidos son axeitados para o estudo, a investigación da nosa cultura tradicional e mesmo o lecer. Como base de datos que recupera e garda a memoria do pasado para convertela nunha ferramenta para o futuro, este tipo de iniciativas axudan a trasladar ese mundo real do que falaba Sánchez Agrelo ao mundo en liña.

Ciberseguridade

Unha das cuestións que máis preocupa ao dominio no proceso de dixitalización ten que ver coa seguridade. Os nosos datos persoais e profesionais, a nosa vida, en suma, está agora circulando pola rede. Permanentemente. A ciberseguridade é fundamental no novo escenario TIC e todas as empresas e institucións deben dedicar recursos e atención a protexer os datos dos usuarios.

A seguridade é parte do ADN dun rexistro de dominios como PuntoGal. Máis aló da responsabilidade inherente ao feito de ser un actor clave neste proceso como participante do ecosistema ICANN, PuntoGal mantén distintos sistemas técnicos para garantir que o dominio .GAL sexa tamén sinónimo de confianza. O equipo monitoriza de maneira permanente as páxinas aloxadas para detectar calquera ameaza, reportala, compartir a información e avisar ás partes implicadas.

O dominio ten unha dobre implicación. Por un lado, debe tratar de facer que o seu parque de dominios cumpra as políticas de rexistro establecidas, de tal forma que se cumpran os protocolos de respecto ás marcas, de non usar o dominio para fins pouco éticos, de advertir e cortar de raíz calquera práctica que implique usurpacións de identidade, técnicas de spam ou similares. E, por outro lado, converterse nun actor divulgador de cara á cidadanía galega en boas prácticas de ciberseguridade. Nese sentido, PuntoGal iniciará en breve un programa informativo con consellos concretos de aplicación práctica que tamén axude nunha maior sensibilización.

Como mostra do compromiso nesta materia, o dominio formalizou un acordo para incorporarse á Global Cyber Alliance (GCA), a organización internacional creada en 2015 para afrontar os riscos cibernéticos e facer da rede un lugar máis seguro. O dominio convértese así na primeira entidade galega -e das primeiras a nivel estatal- en sumarse a esta alianza global. O convenio ofrece protección aos dominios baixo o paraugas de .GAL, ao sumarse á plataforma Domain Trust. Domain Trust é un proxecto promovido pola GCA para facilitar o intercambio de información sobre dominios maliciosos, unha das infraestruturas esenciais usadas pola ciberdelincuencia. As organizacións que forman parte deste proxecto representan diferentes comunidades de nomes de dominio, incluídos rexistros, ISP e institucións. Ao compartir información e traballar xuntos para reducir e deter o abuso, axudan a xerar confianza no sistema de nomes de dominio no seu conxunto.

Ademais, PuntoGal implementará un programa para darlle ao coñecer aos usuarios do dominio, e ao público en xeral, os recursos gratuítos e de ciberhixiene creados pola GCA e os seus socios, como a Caixa de ferramentas de ciberseguridade, o Portal de formación ou as guías e recursos para a implantación do protocolo DMARC de protección do correo electrónico.

A Caixa de ferramentas de seguridade inclúe solucións para pequenos negocios -que reciben o 43% do total dos ataques- para procesos electorais -de entidades privadas ou públicos- e para xornalistas, xa que máis do 90% das persoas len novas en liña en distintos formatos e precísase que os profesionais da información teñan coñecementos sobre esta materia.

A dixitalización é, en fin, imparable e necesaria. Como actor deste ecosistema en Galicia, o dominio PuntoGal seguirá apostando polas TIC. Un compromiso que comparte co COETG-AETG. Parabéns polo XXV aniversario e vémonos no camiño.

Artigo publicado na páxina 35 da revista A Nosa Rede de decembro 2021