Novas, Novas de interese, Proxectos

PuntoGal colabora co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego e PuntoGal asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que o dominio colaborará activamente cos obxectivos do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Este programa ten por obxectivo principal a dixitalización, catalogación e difusión do patrimonio inmaterial galego que o Instituto de Estudos das Identidades do museo puxo en marcha en abril de 2007. Entre outras accións, o dominio realizará unha achega económica e colaborará na difusión do proxecto.

O APOI é un arquivo público e accesible que ofrece gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural. O repositorio conta con fondos de natureza moi diversa, como relatos, adiviñas, música, poesía ou baile, así como información relacionada musicolóxica, lingüística ou etnográfica. Igualmente, consta o traballo de campo no que se obtivo cada ficheiro, os datos do informante, o entorno xeográfico e temporal, o uso ou ocasión e os datos do compilador. Toda esta información verquése nunha única base de datos, accesible para toda a cidadanía.

 

O traballo que se realiza no arquivo inclúe o inventario dos soportes físicos, a transcrición, o estudo teórico das pezas, a súa catalogación e difusión. Accesible en liña en http://apoi.museodopobo.gal, os seus contidos son axeitados para o estudo, a investigación da nosa cultura tradicional, a docencia e mesmo o lecer. Trátase dunha base de datos que recupera e garda a memoria do pasado para convertela nunha ferramenta para o futuro.

O acto de sinatura do convenio tivo lugar en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, coa presenza do presidente de PuntoGal, Manuel González e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi.

Durante a súa celebración, o presidente do padroado do Museo, Justo Beramendi, expresou o seu agradecemento a PuntoGal por este apoio ao Museo do Pobo Galego e concretamente ao esforzo que ven realizando o APOI por preservar e difundir unha parte fundamental da nosa identidade diferenciada. E manifestou que feitos como este, no que colaboran dúas entidades cos mesmos obxectivos básicos, son motivo de ledicia, un incentivo máis para continuar no longo camiño de desenvolvemento e revitalización da persoalidade galega.

Pola súa banda, o presidente de PuntoGal, Manuel González, dixo que “Moitas veces identificamos “cultura” con escritura, e pensamos que unha persoa culta é aquela que mellor dominio ten da escritura e dos contidos transmitidos a través dos textos escritos. Esta non deixa de ser unha visión totalmente reducionista do que significa “cultura”, porque o patrimonio cultural da humanidade foi construído e difundido ao longo da historia de maneira oral. De aí a importancia que ten preservar e dar a coñecer os contos, os etnotextos, as cantigas, as adiviñas, a poesía popular e todas as expresións orais que refliten os modos de vida da nosa sociedade, e que explicitan os trazos máis importantes da nosa identidade. O patrimonio cultural oral é un herdo que temos que conservar e preservar, porque é unha riqueza para a nosa comunidade, pero tamén para a humanidade enteira”. Nese sentido, “PuntoGal, que ten entre as súas finalidades a da defensa da nosa identidade e a de dar a coñecer esta a través do ciberespazo, non tivo ningunha dúbida en apoiar o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do MPG, unha institución que nos seus anos de vida leva demostrado ano tras ano ser un baluarte na defensa e difusión das diversas manifestacións da nosa cultura popular”.

O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, destacou a “relevancia dun proxecto estratéxico para a recuperación da memoria do país que encaixa á perfección coa filosofía e os obxectivos fundacionais de .GAL”. A iniciativa, que supón unha das achegas máis importantes que fai o dominio no seu programa corporativo, súmase a outras que contan coa colaboración de PuntoGal, como o certame de relatos organizado coa Real Academia Galega, as escolas de fútbol gaélico, o respaldo á creación de contidos en galego no ámbito das novas tecnoloxías ou os premios Spin-Off de innovación. Janeiro afirmou que “este programa de colaboracións é unha das nosas tres liñas de actuación fundamental, xunto coa comercialización dos dominios e a representación de Galicia nos foros da rede a nivel internacional. Sen embargo, o apoio a proxectos coma este é o que lle da verdadeiro sentido á existencia de PuntoGal”.

O Padroado do Museo do Pobo Galego naceu en 1976 por iniciativa da sociedade civil, como un compromiso colectivo coa realidade galega e polo empeño na normalización cultural do país. O obxectivo fundamental era a creación do Museo do Pobo Galego, que abriu as súas portas o 29 de outubro de 1977 no antigo convento de San Domingos de Bonaval.

O Padroado do Museo do Pobo Galego é unha asociación privada sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, que se sostén coas achegas dos seus membros, de institucións públicas e de entidades privadas e dos seus socios e socias.

PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet .gal. A día de hoxe, conta máis de 6.000 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.