A Asociación PuntoGal acudirá por sétimo ano á Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se celebra entre os días 26 e 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nesta ocasión, o dominio contará coa colaboración de Gadis e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
A Culturgal, que ven de recibir o recoñecemento estatal da Dirección Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación, na liña de Acción e Promoción Cultural, volve este ano á presencialidade logo da pandemia causada pola Covid-19, que fixo que a feira do 2020 se levase a cabo en liña. Pódese atopar información dos participantes na feira, así como as actividades previstas na web de https://www.culturgal.com/programa.
O stand de PuntoGal na edición deste ano da feira é o número 107, lugar onde se ofrecerá información sobre o dominio e tódalas actividades que ven realizando o mesmo durante este ano. As persoas que se acheguen por alí poderán conseguir agasallos do dominio e de Gadis. Este será o 7º ano de PuntoGal na feira que ten como lema “A Cultura que toca”, que serve de espazo de contacto entre os diferentes sectores da cultura galega e como escaparate de presentación de activades e proxectos. Para PuntoGal é un lugar para facer alianzas e defender a súa filosofía estatutaria de apoio a difusión da lingua e cultura galegas.
A día de hoxe o dominio conta con máis de 6.100 dominios rexistrados e entre as súas últimas actuacións culturais figuran a colaboración co Museo do Pobo Galego na axuda ao desenvolvemento do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) o patrocinio dos Premios Paraugas entregados o 12 de novembro, a colaboración coas Galescolas de fútbol gaélico e o patrocinio do programa de Twitch de divulgación científica en galego Balea Vermella.