Novas
PuntoGal impulsa a autoedición en Galicia co patrocinio do FunFunFun, Autobán e Vaivavaia
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026 · PuntoGal reforza o seu compromiso coa cultura galega e a creatividade contemporánea a través do patrocinio de tres das principais feiras de autoedición do país: Autobán, Vaivavaia e FunFunFun, que se celebrarán ao longo de 2026 en Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo, respectivamente.
Este apoio consolida unha alianza estratéxica cun sector en auxe, caracterizado pola súa capacidade de experimentación, diversidade de formatos e relación directa co público. As tres feiras constitúen citas clave para a visibilización de proxectos independentes vinculados ao cómic, a ilustración, o deseño gráfico e a edición contemporánea.
O calendario arrinca o 6 de xuño en Santiago de Compostela coa celebración do FunFunFun, que abrirá a tempada cunha programación centrada na autoedición máis fresca e experimental. A continuación, o 15 de agosto A Coruña acollerá unha nova edición de Autobán, unha das feiras máis consolidadas do panorama galego neste ámbito. Finalmente, en setembro, Lugo será o escenario de Vaivavaia, que pechará o circuíto anual cun encontro que segue medrando en participación e relevancia.
Co patrocinio de PuntoGal, estas iniciativas poderán reforzar a súa proxección, ampliar públicos e seguir ofrecendo espazos accesibles tanto para creadoras e creadores emerxentes como para proxectos xa establecidos, favorecendo ademais o uso e a difusión da lingua galega no ámbito cultural e creativo.
Apoio á cultura e a creatividade
“Este é un exemplo da diversidade e da forza da cultura en galego que gaña en visibilidade na rede e coa axuda do dominio, que expande a súa comunidade máis aló do contacto inmediato”, declarou Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal, que insistiu “na calidade, variedade e orixinalidade das propostas, cada unha delas adapatada ás diferentes realidades urbanas de Galicia”.
Un espazo sen fronteiras en Compostela
Neves Rodríguez, integrante da organización do Funfunfun, resalta que “o apoio de PuntoGal e das Concellerías posibilita a organizacion desta feira que dota á cidade dun espazo para a autoedición gráfica. O FunFunFun é un espazo onde se certifica que a creatividade non precisa de fronteiras nin, moito menos, de algoritmos. Un lugar para xuntármonos a falar, gozar, crear e colaborar. Aliás, este é un evento internacional no que recibimos con especial agarimo os proxectos de creadoras e colectivos de Portugal, coa intención de reforzar os lazos culturais e lingüísticos que nos unen. O FunFunFun é tamén un berro a favor da paz e un lugar onde celebrar todas as culturas: vivas, diversas e, sobre todo, libres”.
Autozine publicado na Coruña
Pola súa banda, Uxía Larrosa, presidenta de Autobán, comentou que “é un pracer contar con colaboradores como Punto Gal que sosteñen iniciativas autoxestionadas como a nosa de forma prolongada no tempo. A confianza que depositan en nós é todo un pulo para seguir realizando actividades entorno a banda deseñada tanto na propia cidade da Coruña como a nivel galego.” Centrándose na edición de 2026, Larrosa especificou que “este ano, coma os anteriores, a súa achega contribuirá a que editemos o Autozine, unha publicación mediante a cal explicamos a nosa actividade e buscamos conectar coa comunidade de creadorxs que existe ao noso redor.”
Interdisciplinariedade desde Lugo
Desde Lugo, as coordenadoras de Vaiavaia declararon que “estamos moi contentas de volver contar co apoio de PuntoGal. Pensamos que a colaboración entre distintos sectores é fundamental, xa que impulsa a interdisciplinariedade” comerntaron dende a Asociación Vaia Vaia, ao que engaden “apoios como este son un impulso para que este tipo de proxectos, autoxestionados e independentes, poidan sosterse no tempo.”
Este patrocinio enmárcase na aposta de PuntoGal por promover contidos en galego e apoiar iniciativas que fortalecen o ecosistema cultural desde a base, conectando talento, comunidade e innovación.
As tres feiras contarán con postos de autoedición, exposicións, actividades paralelas e espazos de encontro profesional, converténdose nun punto de referencia para o público interesado nas prácticas editoriais independentes.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre Funfunfun
O FunFunFun está organizado pola Asociación Cultural Metrópoles Delirantes, co apoio das Concellerías de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica, Xuventude e Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, e Puntogal. É un evento autoxestionado dedicado á autoedición e á banda deseñada independente, que ten lugar en Santiago de Compostela desde 2015. O FunFunFun ten como obxectivo acoller a creadores, fanzines e editores independentes, sen limitarse ao ámbito gráfico. Este festival, que este ano celebra a súa oitava edición, converteuse nun punto de encontro central onde persoas e colectivos de autoedición reúnense anualmente para coñecerse, intercambiar ideas e consolidar lazos creativos e persoais. O evento nace, ademais, como un espazo de creación e encontro para quen teña interese, para alén da autoedición, en calquera forma de expresión cultural, consolidándose como unha cita ineludible no verán compostelán.
Sobre Autobán
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural e comeza a organizar, co apoio do Concello da Coruña, o Premio Autobán ao mellor fanzine galego, co que busca fomentar a excelencia dentro do panorama da autoedición. O obxectivo de Autobán é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
Sobre Vaiavaia
Vaia Vaia é unha asociación cultural impulsada por Helena, Pía e Sergio, tres amigas que decidiron unirse para dar a coñecer a escena artística e creativa máis descoñecida de Lugo e de Galiza a través da cultura do fanzine. A iniciativa busca visibilizar a autoedición, achegala ao público xeral como unha forma de expresión e desfrute, e contribuír ao desenvolvemento deste sector apoiando tanto a artistas como a pequenos proxectos e iniciativas, ao tempo que reforza a imaxe cultural de Lugo e a súa proxección.