Novas

PuntoGal colabora coa Festa da lingua do 24 de maio organizada por Escolas Semente

 

A Coruña, 6 de maio de 2026.- PuntoGal e Escolas Semente veñen de formalizar un convenio de colaboración co obxectivo de apoiar a celebración do festival solidario que Escolas Semente organizará o vindeiro 24 de maio, unha iniciativa destinada á recadación de fondos para impulsar o seu proxecto educativo.

A programación da Festa da Lingua contará cun cartel artístico de primeiro nivel, pensado para todos os públicos e cunha forte aposta pola creación galega actual. Sobre o escenario estarán Sés, unha das voces máis recoñecidas e consolidadas da música galega contemporánea; Ukestra do Medio, proxecto colectivo cunha proposta fresca e participativa; As Bouba, grupo emerxente cunha presenza escénica moi potente; Peter Punk, referente do espectáculo familiar e da cultura galega; e Mondra, unha das propostas máis innovadoras e destacadas da nova escena galega. Unha programación que converterá esta celebración nun espazo de encontro festivo arredor da lingua, a música e a cultura galega.

A través deste acordo, PuntoGal participará como entidade patrocinadora do evento reforzando así o seu compromiso co apoio a proxectos que promoven a lingua e a cultura galega. Escolas Semente, pola súa banda, ofrece distintas accións de visibilidade de marca para PuntoGal durante o festival, como a proxección de cortiniñas durante o evento. Ademais, PuntoGal ofertará entradas de balde nos próximos días a través das súas redes sociais. As bases deste reparto de entradas pódense consultar en i.gal/nnvg

Así mesmo, ambas entidades difundirán conxuntamente este acordo a través das súas canles de comunicación e redes sociais, reforzando a promoción dun evento que une comunidade, cultura e compromiso co ensino en galego.

Con este convenio, PuntoGal e Escolas Semente fortalecen a súa colaboración en favor da promoción da lingua galega e do apoio a proxectos educativos comunitarios, sumando esforzos para facer do festival do 24 de maio unha cita destacada de participación e solidariedade.

Sobre Escolas Semente

A Semente procura ofrecer un servizo educativo caracterizado polo coidado, renovación e transmisión do patrimonio lingüístico e cultural galego, fonte de creatividade colectiva e garantía de cohesión e integración social. Na actualidade, o proxecto conta con seis centros educativos, dando servizo ao alumnado escolarizado no ensino infantil (2-6 anos) e primario (6-12 anos). Máis información en semente.gal

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.