Novas
O fútbol gaélico galego continúa medrando e consolida as súas aspiracións internacionais
No pasado mes de marzo, PuntoGal e a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) renovaron por oitavo ano consecutivo o seu convenio de colaboración. Este acordo susténtase no compromiso de PuntoGal co reforzo e proxección de proxectos onde o deporte, a lingua e a cultura galegas converxen e dinamizan a vida social e deportiva do país.
Nos últimos oito anos de colaboración e traballo conxunto, o fútbol gaélico presenciou un crecemento exponencial, superando as cifras de alumnos e participantes nas actividades da AGFG e a presenza desta en competicións autonómicas, torneos de promoción e outras iniciativas que fortalecen a presenza deste deporte en Galicia. O convenio non só foi capaz de apoiar de forma frutífera iniciativas como as Gaélico Escolas PuntoGal, que axudaron á promoción deportiva do deporte, senón que tamén presenciou nos últimos meses os gratos resultados deste reforzo e apoio ás actividades deportivas e, por tanto, aos seus resultados competitivos.
Durante os últimos meses, os equipos galegos de fútbol gaélico demostraron o talento deportivo da nosa comunidade fronte a Europa. Cos Xogos Mundiais de Fútbol Gaélico (GAA World Games) ao virar a esquina, a selección galega conseguiu saír triunfal dos últimos torneos celebrados nesta disciplina deportiva.
O pasado mes de marzo, a AGFG celebrou a IV edición do Celtic Cup de Fútbol Gaélico na capital galega, contando coa participación dalgúns equipos internacionais. O torneo, celebrado o 14 de marzo, demostrou a evolución e o bo estado do fútbol gaélico na comunidade galega. Desde a AGFG destacan o incremento lembrando os inicios da Celtic Cup en 2023 que se celebrou cun torneo modesto cun triangular masculino e un partido feminino, en contraste coa participación dos oito equipos masculinos e cinco femininos deste ano 2026 chegados de Galicia, Inglaterra, Irlanda e Luxemburgo.
Ademais, a Celtic Cup foi unha cita clave para a preparación da Selección Galega para os Xogos Mundiais de Futbol Gaélico que se celebrarán no próximo mes de xullo en Waterford, Irlanda.
Mais o verdadeiro motor deste crecemento está na base. A Copa Galega das Gaélico Escolas PuntoGal volveu superar este ano as cifras e reunir en Boqueixón un total de 120 futbolistas na idade de cadete, en comparación cos 100 en 2025.
Coa suma de 120 futbolistas participantes, A Copa Galega das Gaélico Escolas PuntoGal conseguiu convidar a equipos de cada provincia galega: O Forte e O Pino representando á Coruña; o Lugh representando a Lugo; O Resío de Vigo a Pontevedra e Os Esquíos a Ourense. Así mesmo, a gran parte destes equipos xorden como resultado das actividades deportivas das Gaélico Escolas PuntoGal desenvoltas nalgúns centros de estudo de Galicia, demostrando positivamente os resultados das iniciativas da AGFG.
Nesta liña, é destacable tamén mencionar que por primeira vez, na competición celebráronse dous torneos exclusivamente femininos na categoría sub-15, e unha na sub-12, mentres que no 2025 disputárase a competición nas categorías sub-15 e sub-12 mixtas, o que evidencia un paso decisivo no desenvolvemento da igualdade dentro deste deporte e tamén un incremento dun 30% fronte a tempada pasada no que respecta ao total de fichas federativas de menores de 16 anos no momento.
Amais, os mellores equipos da Copa Galega, Estrela Supernova A (de Compostela) e o Lugh de Friol, acadaron o premio de representar a Galicia no Campionato Europeo da categoría cadete, o Fèile, celebrado en Maastritch, no que ambos saíron triunfais fronte aos equipos europeos adversarios.
O conxunto masculino do Lugh e o feminino da Estrela Supernova proclamáronse campións sub-15, confirmando o extraordinario traballo e esforzo da comunidade do fútbol gaélico. O equipo masculino do Lugh, integrado principalmente por xogadores de Friol con presenza tamén de Vigo e Boqueixón, e o feminino do Estrela Supernova, con maioría de xogadoras do Pino e representación de Friol, lograron impoñerse e acadar coa vitoria no torneo de base por excelencia.
Tras o éxito, o coordinador xeral das Gaélico Escolas PuntoGal e adestrador do Lugh, Alexandre Sanmartín, destacou o impacto que estes resultados teñen para o deporte galego: «Estamos a levar o nome de Galicia por toda Europa. Sobre todo estamos demostrando que aquí se están a facer proxectos deportivos desde a base e de primeiro nivel».
Sanmartín tamén puxo o foco no valor educativo e social do proxecto: «O proxecto de Gaélico Escolas é unha mostra que cando se traballa ben desde a base, con formación e valores, os resultados chegan». Ademais, salientou especialmente o triunfo feminino do Estrela Supernova como exemplo do compromiso coa igualdade: «Somos un proxecto que traballa con perspectiva de xénero e onde se valora a todo o mundo por igual. Estamos creando referentes femininos para o futuro».
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do domino galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.600 dominios .gal rexistrados.
Sobre a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG)
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico é o organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia, dende a súa aprobación oficial na convención Europea dos deportes gaélicos en decembro de 2013, o cal lles garante o carácter oficial internacional recoñecido polo máximo órgano, a Gaelic Athletic Asociation (GAA). A entidade encárgase de organizar as competicións galegas de fútbol gaélico (Liga, Copa, All-Galicia, etc.), da xestión da Selección Galega de Fútbol Gaélico e da organización de eventos deportivos asociados ao fútbol gaélico.