Novas

PuntoGal e AGPI asinan un convenio de colaboración para o uso do dominio entre os ilustradores galegos

A Coruña, 9 de abril de 2026 · Os presidentes de PuntoGal, Manuel González González e da asociación galega de profesionais ilustración, AGPI , Laura Romero, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a AGPI se compromete promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión e dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal. Grazas a este acordo, os socios de AGPI poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático. 

PuntoGal e a AGPI 

PuntoGal, que supera os 7700 dominios, busca “acompañar ás iniciativas que, coma esta, facilitan e promoven a creación de contidos en galego, e que aportan á rede unha visión da diversidade e riqueza da creación na nosa lingua”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro. Para Janeiro “as alianzas son sempre un xeito de incrementar o valor e a relevancia das iniciativas de comunicación, nun momento en que parece que a predominancia é das plataformas e non dos creadores ou dos comunicadores”.

Pola súa banda, Augusto Metztli, vicepresidente da AGPI, quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “paréceme unha forma de ampliar o afecto ao territorio e ao local, levado á rede e, desde un sector en amplo desenvolvemento e en expansión, que ano tras ano gaña recoñecemento como ferramenta fundamental de comunicación dentro da sociedade, querémolo agradecer”. 

O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas e asociados do obradoiro poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE a través dos rexistradores que colaboran na promoción.

Sobre PuntoGal 

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal. 

Sobre AGPI 

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración agrupa desde o ano 2000 ilustradores e ilustradoras comprometidos na defensa común dos seus dereitos e intereses profesionais. Actualmente AGPI aglutina máis de 113 ilustradores e ilustradoras de distintas xeracións e de todas as áreas da creación visual aplicada. AGPI forma parte da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), integrada actualmente polas asociacións de Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia. Á súa vez, FADIP é parte do European Illustrators Forum (EIF), que inclúe asociacións de ilustradores de toda Europa.