Novas

PuntoGal e Espiga colaboran para levar a creación de videoxogos ao ámbito educativo co programa “O Demo Game Jam”

A Coruña, 8 de abril de 2026 – PuntoGal e Espiga veñen de formalizar un convenio de colaboración mediante o cal a entidade xestora do dominio .gal se converte en patrocinadora do proxecto “O Demo Game Jam”, unha iniciativa de promoción da creatividade dixital entre a mocidade galega.

Espiga é unha cooperativa de xestión cultural que desenvolve proxectos innovadores no ámbito da educación, a creatividade e a divulgación cultural en Galicia. Entre as súas iniciativas destaca “O Demo Game Jam”, un programa que fomenta a creación de videoxogos entre a mocidade, promovendo o traballo colaborativo, o uso de ferramentas abertas e a incorporación da lingua e da cultura galega nos contidos dixitais. Desenvólvense entre o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato, promovendo o uso da lingua galega e de ferramentas abertas. A iniciativa inclúe actividades en centros de ensino, organización de encontros sobre videoxogos en distintas cidades galegas e a celebración dunha gala final no marco de Culturgal 2026.

No marco deste convenio con PuntoGal, desenvolveranse diversas accións orientadas a reforzar o impacto do programa, como a organización de actividades en centros de ensino, a celebración de xornadas e encontros sobre videoxogos en distintas cidades galegas e a promoción da participación na “O Demo Game Jam”. Así mesmo, ambas entidades colaborarán na difusión das iniciativas, na promoción do uso do dominio .gal e na celebración de eventos destacados como a gala final prevista en Culturgal, consolidando un espazo de encontro entre cultura, tecnoloxía e lingua galega.

Segundo declaracións de Darío Janeiro, director xeral do dominio, “grazas a este convenio, PuntoGal reforza o seu compromiso co apoio a proxectos que promoven a lingua, a cultura e a innovación tecnolóxica en Galicia”. Pola súa parte, Mariña Soto, comentou que “grazas a este acordo, Espiga contará cun socio estratéxico para ampliar a visibilidade e o impacto do programa e reforzar a súa proxección no ámbito dixital, contribuíndo á difusión do galego e á conexión con novos públicos”.

Ambas entidades destacan que este acordo supón un paso máis na construción de sinerxías entre cultura, educación e tecnoloxía, co obxectivo común de impulsar o talento novo e a creación en galego no ámbito dixital.

 

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados. 

Para máis información: dominio.gal.

Sobre Espiga

Espiga é A cooperativa Espiga, fundada en 2023, desenvolve a súa actividade no ámbito da xestión cultural, centrada no deseño, produción e coordinación de proxectos que integran arte, educación, patrimonio e tecnoloxía. Entre as súas liñas de traballo inclúense tamén propostas de formación, divulgación cultural e iniciativas de turismo cultural. 

Para máis información: espiga.gal