Novas, Novas de interese, Novas destacadas

PuntoGal e a Asociación Galega de Fútbol Gaélico amplían o alcance da súa colaboración por oitavo ano consecutivo

O dominio convértese no patrocinador principal das camisolas das seleccións galegas e seguirá apoiando o labor das Gaélico Escolas 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026 · A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) e PuntoGal renovaron por oitavo ano consecutivo o seu convenio de colaboración, reforzando unha alianza que ten como obxectivo promover o desenvolvemento e a difusión do fútbol gaélico en Galicia. A relevancia da colaboración reflíctese na presenza da marca do dominio na parte frontal das camisolas da equipación das seleccións de fútbol gaélico, como patrocinador principal. 

Grazas a este acordo, PuntoGal continuará apoiando diferentes iniciativas impulsadas pola asociación, entre elas o programa Gaélico Escolas PuntoGal, unha proposta de promoción deportiva que leva este deporte a centros educativos de todo o país a través de actividades de iniciación, obradoiros e encontros escolares. O dominio axuda tamén no mantemento da web do proxecto, que se pode consultar en gaelicoescolas.gal.

Este proxecto experimentou un importante crecemento nos últimos anos e acadou cifras récord de participación, superando os 3.000 nenos e nenas participantes nas súas actividades e contribuíndo a dar a coñecer o fútbol gaélico entre a mocidade galega.

O convenio tamén serve de apoio ao conxunto da actividade deportiva da asociación, incluíndo as competicións autonómicas, torneos de promoción e outras iniciativas orientadas a fortalecer a presenza deste deporte en Galicia, onde continúa a consolidarse cun número crecente de clubs e persoas federadas.

A actividade do fútbol gaélico galego conta neste 2026 cun calendario intenso tanto no ámbito formativo como competitivo. No programa de escolas destaca a celebración, o 2 de maio en Maastricht, da quinta edición da Feile, o Campionato de Europa cadete sub-15, no que participarán equipos de países como Francia ou Alemaña, ademais do representante galego, que sairá do gañador da Copa Galega. No mes de xuño celebraranse tamén os torneos de fin de curso das escolas, previsiblemente nas comarcas de Compostela, Vigo, Ourense e Lugo. Xa o 27 de xuño terá lugar a primeira Celtic Cup sub-17, cun total de nove equipos confirmados e presenza de clubs de Irlanda e Inglaterra, mentres que o 5 de setembro varios conxuntos galegos participarán no prestixioso Birmingham International Tournament sub-17, torneo cuxos organizadores visitarán previamente Galicia con motivo da Celtic Cup.

Pola súa banda, a selección galega continuará consolidando a súa presenza internacional tras participar o 28 de febreiro no histórico Torneo Internacional da Haia, o convidacional máis antigo e prestixioso da Europa continental. O calendario competitivo continuará o 14 de marzo coa cuarta edición da Celtic Cup en Compostela, que medra ata nove equipos masculinos e seis femininos e contará coa cobertura das finais por agalega.gal. De cara ao verán, Galicia disputará o 27 de xuño un amigable de preparación antes de competir nos World Games, que se celebrarán entre o 13 e o 17 de xullo en Waterford (Irlanda) en formato 9×9, cun total de catro equipos galegos en competición, dous masculinos e dous femininos entre categorías championship e de desenvolvemento. A tempada completarase co posible convite ao Torneo Internacional de Madrid no mes de outubro, mentres que no ámbito de clubs destacan a Copa Galega o 25 de abril en Ribeira, as finais das ligas galegas a comezos de maio, a final do Campionato Ibérico e o inicio da Liga Galega 2026/27 no mes de outubro.

Segundo declarou Darío Janeiro, director xeral do dominio, “a renovación do acordo confirma o compromiso de PuntoGal con proxectos que combinan deporte, lingua e cultura, e que contribúen á dinamización social e deportiva do país”. “O fútbol gaélico está crecendo tanto na súa implantación no territorio grazas á liga e aos distintos torneos, como no traballo de divulgación das Gaélico Escolas nos centros de ensino do país, sen esquecer a representación das seleccións galegas nos eventos internacionais”, sinalou. “O fútbol gaélico encaixa á perfección no tipo de proxectos que se apoian desde o dominio, estamos moi satisfeitos de manter esta colaboración a longo prazo”, concluíu.

Pola súa parte, o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, destaca “a importancia de manter esta colaboración estable no tempo, que permite seguir ampliando o alcance das súas actividades e achegar o fútbol gaélico a novas xeracións a través do traballo das GaelicoEscolas”

Tras oito anos de traballo conxunto, ambas entidades subliñan que esta alianza continúa sendo unha ferramenta clave para consolidar o crecemento do fútbol gaélico en Galicia e reforzar a súa proxección de futuro.

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do domino galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.600 dominios .gal rexistrados.

Sobre a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG)

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico é o organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia, dende a súa aprobación oficial na convención Europea dos deportes gaélicos en decembro de 2013, o cal lles garante o carácter oficial internacional recoñecido polo máximo órgano, a Gaelic Athletic Asociation (GAA). A entidade encárgase de organizar as competicións galegas de fútbol gaélico (Liga, Copa, All-Galicia, etc.), da xestión da Selección Galega de Fútbol Gaélico e da organización de eventos deportivos asociados ao fútbol gaélico.