Novas, Novas de interese, Novas destacadas

Xa está dispoñíbel a caixa de ferramentas para xornalistas

PuntoGal oferta xa na súa páxina web a tradución ao galego da caixa de ferramentas realizada pola Global Cyber Alliance para garantir a seguridade das comunicacións e do almacenamento de datos das e dos xornalistas, que compila utilidades para o seu uso sinxelo e de balde. Ademais, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia está a realizar acordos con ambas as dúas organizacións para pór en marcha actividades de formación e ofrecer descontos para colexiados e colexiadas na contratación de dominios .gal.

 

O pasado venres 14 de abril, presentouse na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia unha adaptación da caixa de ferramentas que a Global Cyber Alliance (GCA) preparou para os xornalistas e que PuntoGal traduciu e oferta desde a súa páxina nesta ligazón. Esta utilidade para comunicadores e comunicadoras consiste nunha compilación de enlaces nos que se poden usar ou descargar trebellos para a protección dos datos pensados para o seu uso sinxelo, rápido e de balde.

O que é a caixa de ferramentas para xornalistas

En primeiro lugar, a caixa de ferramenta para xornalistas aborda o coñecemento dos sistemas que usamos, cun modelo de folla de cálculo na que levar conta dos dispositivos, programas e aplicacións instaladas e un escáner de rede que permite comprobar a seguridade da mesma, quen está conectado, que portos temos abertos e se se deben facer comprobacións máis minuciosas. Coa proliferación de aparellos conectados nas redes aumentan as posibilidades de que algún deles sexa un punto feble que permita a entrada de malware.

A continuación aparece un recordatorio para actualizar os sistemas operativos, tanto para usuarios de OSX, Windows, Android ou Linux. É importante lembrar que un sistema sen actualizar é sempre unha fonte de vulnerabilidade.

De seguido, abórdase un paso que, aínda que moi sinxelo, é vital: deixar de lado os contrasinais simples, doados de adiviñar e vellos. Hainos que renovar, facelos complexos e, se podemos, usar sistemas de doble autenticación. Para todo isto temos ferramentas específicas, mesmo algunha pensada para gardar a información sensible online e non nos nosos dispositivos, para cruzar fronteiras onde a posesión de determinados datos pode complicarnos a viaxe, como a versión de 1Password desenvolvida para xornalistas.

O seguinte e saber que non nos enganen na rede. Para iso, comprobamos que as mensaxes que nos chegan non conteñen malware ou phising con ferramentas que monitorizan os nosos pasos na rede con DNS e mesmo proxies dedicadas a filtrar o que pode ser prexudicial para nós.

Outros dos problemas frecuentes é a perda de datos. Non fai falta que haxa ataques malintencionados, senón que en ocasións temos mala sorte ou nos afectan accidentes. Para estes casos, os sistemas operativos inclúen xa a posibilidade de automatizar as copias de seguridade dos nosos documentos. O obxectivo é que realizar estas tarefas non dea traballo, de maneira que tampouco dará preguiza levalas a cabo.

Pero, co teletraballo e os dispositivos cada vez máis portátiles, dá igual a protección que teñamos se esquecemos o ordenador ou alguén ten acceso a el. Calquera podería copiar os nosos datos máis privados, ou os das empresas para as que traballamos, incluíndo información financeira, bancaria ou de acceso aos seus sistemas. Igual que no caso das copias de seguridade, podemos automatizar o cifrado de todo o noso disco duro.

E o seguinte que se aborda e escoller ferramentas para nos comunicar todos os días que sexan seguras e non nos poidan escoitar ou ler sen a nosa autorización. Para isto temos programas de correo, mensaxería instantanea e mesmo navegadores web que non deixan rastro do que facemos ou onde o facemos.

Con todas as utilidades incluídas na caixa de ferramentas, podemos garantir que o noso traballo e a nosa actividade diaria na rede está protexida. E non hai razón para perder días facendo isto ou ter que contar co asesoramento de expertos en seguridade informática.

Máis acordos entre o CPXG, a GCA e PuntoGal

Como complemento desta caixa de ferramentas, a GCA e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia están a acordar a posta en marcha de webinars e actividades de formación nas que contar aos colexiados os detalles de determinados fenómenos dos que cada vez se require máis información e nos que a GCA está, por necesidade, na primeira liña. Esta formación tratará cuestións como malware, ransomware ou phishing, pero tamén de intelixencia artificial, cryptomoedas, ou blockchain.

E ademáis, o CPXG e PuntoGal veñen de asinar un convenio polo que as colexiadas e os colexiados poden ter acceso a dominios .gal cun desconto dun 60% no primeiro ano para calquera proxecto que queran poñer en marcha. As persoas interesadas poden solicitar o seu código de desconto no correo xornalistas@xornalistas.gal. Ademais, podes consultar as condicións destes convenios e todos os servizos e descontos para colexiadas e colexiados na sección Descontos da nosa web.