PuntoGal colabora un ano máis co Día Internacional das rapazas nas TIC que se celebra o día 27 de abril colaborando co Centro de Supercomputación de Galicia. Este ano haberá moitas actividades, dende coloquios mediante multiconferencia web e obradoiros tecnolóxicos.
O Día das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico. O proxecto ICT-Go-Girls, que vai asociado a esta data é unha iniciativa que se deseñou para mellorar as competencias empresariais nas rapazas de secundaria, usando as TIC como elemento chave, propocionándolles habilidades, coñecementos e valores para axudalas a crear futuras oportunidades para innovación e calidade do emprego relacionado coas TIC. Entre os seus obxectivos están a mellora de habilidades emprendedora entre as alumnas, a promoción das TIC e de habilidades transversais, a colaboración entre os ámbitos empresariais e académicos e a creación dunha rede sostible de colaboración a nivel europeo.
As participantes do coloquio do Día das Rapazas nas TIC programados polo CESGA son catro referentes das TIC galegas: Mariamo Mussa Juane é unha física que traballa no CESGA coordinando o grupo de computación cuántica, Esther Medina é Enxeñeira de Telecomunicacións e a xefa de Innovación no Entorno Dixital da Corporación RTVG. Alba Meijide é licenciada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Manchester e traballa como consultora e deseñadora de proxectos baseados na IA. E por último, Carmela Troncoso é unha enxeñeira en Telecomunicacións galega que actualmente é profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana e dirixe o laboratorio SPRING.
Axenda:
Xornada de mañá
Lugar: Sala “Día das Rapazas nas TIC” por streaming dende o CESGA.
10:45 – 10:50 Benvida á encontro virtual por parte da Directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey Vilar.
10:50 – 11:00 Intervención da Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana Somoza.
11:00 – 11:50 Visión e experiencia de catro galegas que traballan, emprenden e investigan empregando as TIC. Modera: María José Rodríguez Malmierca, coordinadora da área de e-learning do CESGA.
11:50 – 12:30 Roldas de preguntas e dúbidas plantexadas or parte das/dos estudantes participantes conectadas/os.
12:30 Peche do coloquio.
12:30 – 13:30 Visita guiada ao superordenador Finis Terrae III e obradoiro tecnolóxico coas rapazas e rapaces presentes no CESGA.
Xornada de tarde
Lugar: Centro de Supercomputación de Galicia.
17:00 – 19:00 Obradoiros tecnolóxicos, actividades e visitas guiadas para estudantes de primaria e secundaria de 10 a 16 anos ao FinisTerrae, o Superordenador do CESGA.
A sesión da tarde será iniciada polo grupo de 5Girls4Techno, 4 mozas galegas de 1º da ESO, apaixoadas das tecnoloxías, que desenvolveron unha app para facilitar o acceso ás persoas maiores e obtiveron o galardón de mellor app europea no concurso Technovation Girls no ano 2022.
Para máis información e inscrición nas actividades podedes consultar a web do evento aquí.
Este evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), o Centro de Investigación en Tecnoloxías (CITIC), Asociación PuntoGal, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) e GalsTech e Hello Sisters!