Proxectos

Que é o fútbol gaélico?

O fútbol gaélico é unha variante do fútbol xogada principalmente en Irlanda, sendo o deporte con maior popularidade deste país (enchen estadios de 100.000 persoas). Xógase en equipos de 15 xogadores (no noso país son 11) nun campo rectangular de céspede, con porterías en forma de H a ámbolos dous lados. O obxectivo principal é anotar o maior número de puntos, marcando goles (3 puntos) ou lanzando o balón por enriba do longueiro (1 punto). Os xogadores avanzan polo campo levando o balón nas súas mans, pateándoo co pé e pasándoo (golpeando o balón coa man) entre compañeiros de equipo. O fútbol gaélico conta ademais cuns valores únicos dentro do mundo do deporte: é un deporte amateur por definición e promove a cultura do “terceiro tempo”, primando a camaradería entre rivais.

Que é o que o fai diferente?

É un deporte moi completo: Xógase coas mans e cos pés, co que se traballa tanto o tren superior como o tren inferior. Comparte habilidades con outros deportes, pero tamén posúe habilidades únicas, como o “solo” ou o “crouch lift”. Trátase dun deporte moi dinámico, no que o balón sempre está en movemento, e require dunha boa concentración e coordinación.

Baseado no respecto: O compañeirismo é un compoñente moi presente no noso deporte, no que cada membro do equipo está para apoiar aos outros. Tamén é sagrado o respecto ao rival. No campo a intensidade coa que enfrontamos ao rival é total, pero todo o que pasa no campo queda no campo. Non en vano, ao remate do partido ambos equipos disfrutarán do popularmente chamado “terceiro tempo” en convivencia. E por último, o respecto ao árbitro e demáis oficiais é total.

Compite a nivel galego ou internacional: Como tempada regular, en Galicia temos competicións propias entre os clubes galegos (Liga, Copa, etc.), que normalmente abarcan dende os meses de outubro a maio. Mais o fútbol gaélico é un deporte cun marcado caracter asociativo e social. Durante a tempada existe a oportunidade de competir contra equipos de toda Europa nos diferentes campionatos que se organizan habitualmente en formato sede (torneo dun día) e aos que se pode inscribir calqueira equipo, coma o Campionato Ibérico (equipos da Península Ibérica) ou o Campionato Europeo (equipos de Europa continental). A maiores, en Galicia estamos habituados a organizar torneos amigables de ámbito internacional, convidando a equipos de Irlanda e outras partes de Europa. E, como non, tamén a Selección Galega compite nos torneos máis esixentes como Europeos ou Mundiais de fútbol gaélico.

Deporte amateur: O fútbol gaélico é, por definición, un deporte amateur. Isto implica que todos os xogadores, incluídos os pertencentes aos mellores equipos de Irlanda, non poden cobrar por xogar. Ademáis, un xogador só defenderá as cores do equipo da súa vila (de feito están prohibidas as fichaxes). O vínculo clube-xogador é tan forte, que resulta inconcebible pensar en xogar noutro clube: a maior honra é defender as cores do propio clube e, chegado ao caso, o teu propio condado.

Organización

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico é o organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia, dende a súa aprobación oficial na convención Europea dos deportes gaélicos en decembro de 2013, o cal nos garante de carácter oficial internacional recoñecido polo máximo órgano, a Gaelic Athletic Asociation (GAA).

Que é o que facemos?

O traballo que realizamos resúmese nos puntos seguintes:

Organización anual das competicións galegas de fútbol gaélico (Liga, Copa, etc.), tanto en modalidade feminina como masculina.

Xestión da Selección Galega de Fútbol Gaélico, que levan participando de xeito oficial nos Xogos Mundiáis Gaélicos e Europeos Gaélicos dende o ano 2015, acadando habitualmente postos nos podios, incluíndo o primeiro posto feminino no Europeo de 2018.

Organización de eventos deportivos asociados ao fútbol gaélico e outros formatos de competición: eventos de difusión do deporte, formación continua de adestradores, árbitros, etc.

Promoción do deporte en Galicia en varios estratos: impartición de actividades formativas de base, promoción do deporte feminino e difusión dos valores deportivos.

Onde podo velo?

Podes ver vídeos da Liga Galega na nosa canle de Youtube, ou estar atento á nosa web onde publicamos os horarios de todos os partidos que se xogan en Galicia. Adicionalmente, e de xeito mundialmente pioneiro, a TVG emitirá a fase final do All-Ireland (14-15 e 29-30 de agosto), o torneo máis antigo e prestixioso deste deporte, sendo a primeira TV non irlandesa en emitir esta competición.