Proxectos destacados

Os proxectos, prioritarios en PuntoGal

A colaboración en proxectos é un dos fíos conductores prioritarios na acción de PuntoGal. O dominio dedica unha parte importante do seu labor diario en colaborar ou difundir proxectos que entendemos relevantes para a lingua, a cultura ou a rede en Galicia. Xunto coa venda de dominios e a representación de Galicia diante das entidades que xestionan a rede, o programa corporativo de apoio a iniciativas do país forma parte do noso ADN.

Hoxe en día temos activas moitas colaboracións en distintos ámbitos, desde o deporte ata os podcast, pasando polo I+D ou a creación literaria. Pero sempre estamos abertos a novas colaboracións, como non pode ser doutro xeito. Na medida das nosas posibilidades, gústanos escoitar novas ideas e botar unha man, se é posible. Podes contactar con nós a través das distintas canles de comunicación que temos abertas nas nosas webs e redes sociais.

Isto que segue é un exemplo dalgunhas desas apostas. Estamos moi contentos de participar en todas elas e de colaborar coas entidades que están detrás:

– Relatos.gal: Concurso de microrrelatos que organizamos coa Real Academia Galega e a revista Luzes. Na última edición os membros do xurado tiveron que decidir entre máis de 1.600 relatos, divididos en tres categorías. Podes consultar os detalles de todas as edicións na web relatos.gal, e tamén ler as creación das premiadas e premiados.

– Premios SpinOff PuntoGal: En Galicia temos tres unversidades públicas que son os faros intelectuais e de innovación do país. Hai centos de profesionais que investigan, propoñen solucións e ideas que revirten na riqueza de todos. Para recoñecer as mellores ideas, os mellores grupos de investigación e as mellores empresas, naceron estes premios, nos que ademais se recoñece o papel das mulleres na creación e transferencia de coñecemento, así como o uso do galego nestes ámbitos. Os premios organizámolos con GaliciaCiencia.gal, o portal de divulgación científica de referencia. Tes toda a información en talentogalego.gal.

– Gaélico galego: Porque o deporte tamén forma parte da cultura. Por iso apoiamos un deporte novo, inclusivo, no que calquera pode participar e no que só se pode participar como amateur. E o facemos patrocinando as selección galegas masculina e feminina. Non está mal competir, pero hai veces que o que queremos é outra cousa: traballar como equipo, gozar da parte social do deporte e manternos en forma. Se vos interesa saber en que consiste, ou se vos queredes implicar, podedes visitar https://gaelicogalego.gal.

– Cluster da Comunicación de Galicia: Porque somos parte do tecido que axuda a contar o que se fai en Galicia. E non somos os únicos: centos de empresas pasan o día decidindo como empaquetar, vender, mover e dar a coñecer miles de produtos que saen á veda cada día, miles de ideas e de conceptos novos. Como parte dese grupo de profesionais, estamos implicados e formamos parte da organización dos premios Paraugas, que cada ano recoñecen as campañas, ideas ou anuncios máis orixinais e efectivos feitos aquí. Podedes saber máis en http://www.clustercomunicacion.gal

– Convenios: Para difundir o dominio estamos sempre buscando colectivos que poden precisar unha axuda para adoptalo. Asociacións, cooperativas, colexios profesionais ou colectivos de calquera tipo cos que colaboramos e aos que facemos máis doado o uso do dominio .gal. Se pensas que podes precisar un convenio, non dubides en te por en contacto con nós en info@dominio.gal