Novas, Novas de interese, Proxectos

Punto Gal renova o seu convenio con VINTE de colaboración coa sección Vinte na Rede

PuntoGal e a revista dixital VINTE, asociada ao xornal Praza.gal, renovan o convenio para a publicación da sección “VINTE na rede”, unha serie de reportaxes que de xeito periódico analizan a creación de contido en galego que podemos ver na web e nas redes sociais.

VINTE na Rede ten como obxectivo celebrar a vitalidade da creación dixital en galego pero tamén exercer o filtro xornalístico, a análise e observación para darlles profundidade e contexto a estes fenómenos, que cada día son máis numerosos e tamén fugaces.

A colaboración para a publicación deste contido patrocinado por PuntoGal iniciouse en xaneiro de 2020 e no primeiro semestre de 2021 publicáronse 13 reportaxes, con case 8000 visitas na web e 140.000 impactos nas redes. Nas reportaxes puidemos coñecer a mellor creación galega en Twitch, Twitter, Youtube, Instagram e Tik Tok, e os novos tipos de influencers da vida cotiá, “Cando a rede dixital tamén se enche de peixe”.

VINTE é unha revista e plataforma de contido multimedia vinculada ao xornal Praza.gal e dirixida a un público de entre 20 e 45 anos. Naceu a finais de 2018 coa vocación de ser “a revista para a Galicia dos anos 20” e de producir xornalismo en diversos formatos para ofrecer unha visión fresca do que pasa en Galicia en cuestións de sociedade, cultura e tendencias. Os seus contidos distribúense a través da web vinte.praza.gal e dos seus perfís en Instagram, Facebook, Twitter e Youtube.

PuntoGal é a asociación que xestiona os dominios .gal. É unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 6000 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.