Novas
PuntoGal reforza a presenza galega na reunión da ICANN en Sevilla
Sevilla, 10 de xuño. PuntoGal participa estes días na 86 edición do congreso da ICANN, que se celebra en Sevilla, dedicado á gobernanza e ao desenvolvemento de Internet. O equipo do dominio galego desenvolve unha axenda centrada en cuestións como a ciberseguridade, a Aceptación Universal (UA) ou a presenza das linguas minorizadas na rede, ademais de trasladarlle á industria a experiencia do dominio .gal como ferramenta de promoción da lingua e da cultura galegas no espazo dixital.
Durante o encontro, representantes de PuntoGal manteñen contactos con organizacións, rexistros de dominios e actores relevantes do ecosistema de Internet, co obxectivo de compartir coñecemento, explorar novas vías de colaboración e coñecer de primeira man as tendencias que marcarán o futuro da rede. Ademais, aproveitase a ocasión para visitar o Lar Gallego de Sevilla, asociación que celebrou recentemente o seu 69 aniversario na capital andaluza.
A participación na reunión da ICANN supón unha oportunidade para fortalecer a posición de PuntoGal dentro da comunidade internacional de dominios, así como para defender un modelo de Internet aberto, diverso e multilingüe, no que as identidades culturais e lingüísticas teñan presenza destacada.
“Estar presentes nestes foros internacionais é fundamental para seguir impulsando a visibilidade de Galicia no ámbito dixital e para contribuír aos debates que definirán a evolución de Internet nos próximos anos”, sinala Dario Janeiro, Director xeral de PuntoGal.
A reunión da ICANN congrega en Sevilla a centos de representantes de gobernos, empresas tecnolóxicas, organizacións da sociedade civil e expertos de todo o mundo para abordar cuestións relacionadas coa estabilidade, seguridade e desenvolvemento do sistema global de nomes de dominio.
Con esta participación, PuntoGal reforza o seu compromiso coa internacionalización da cultura galega e coa defensa dunha Internet máis plural, inclusiva e representativa da diversidade lingüística e cultural existente no mundo.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre ICANN
A Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) coordina os identificadores únicos de Internet, como os nomes de dominio e os enderezos IP, para contribuír a manter unha Internet global estable, segura e interoperable.