Novas

PuntoGal e a Secretaría da lingua colaborarán na monitorización da presenza do galego nos buscadores

 

O convenio permitirá crear unha rede de ata 50 sensores para analizar de maneira continuada os resultados das buscas en galego

A Coruña, 10 de xuño de 2026 · PuntoGal e a Secretaría Xeral da Lingua colaborarán durante os próximos tres anos na investigación e monitorización da situación do galego nos resultados das buscas en internet, especialmente no buscador Google.

O convenio permitirá desenvolver unha rede de ata 50 sensores situados en diferentes localizacións, sen se limitar ao territorio galego, así como un sistema de monitorización continua e unha base de datos para almacenar e analizar a información obtida. O proxecto contempla tamén a publicación de informes periódicos sobre a evolución da presenza do galego nos resultados das buscas.

A iniciativa dará continuidade ao traballo desenvolvido por PuntoGal desde 2023 para analizar a visibilidade do galego nos buscadores e permitirá ampliar o coñecemento sobre a presenza da lingua na rede. O proxecto incorporará, ademais, o seguimento do impacto das buscas realizadas con ferramentas de intelixencia artificial e promoverá o intercambio de coñecemento entre profesionais do posicionamento web mediante xornadas e grupos de traballo sobre SEO en galego.