Compostela, 14 de abril de 2023 · Esta mañá tivo lugar un encontro no CINC do Gaias no que o director xeral de PuntoGal, Dario Janeiro, presentou os responsables de seguridade de AMTEGA, Adrián Lence e Gustavo Herva, ao responsable de paticipación da Global Cyber Alliance, Alejandro Fernández-Cernuda e á responsable de comunicación estratéxica, Marina Calvo. Tamén estivo presente, representando ao Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación, Javier Fernández Fraga.
PuntoGal, que leva case dous anos colaborando coa Global Cyber Alliance e que leva xa adaptadas ao galego dúas da súas caixas de ferramentas específicas, para PeMEs e para xornalistas, promove deste xeito a participación internacional no nodo ciber.gal, do que forma parte activa desde a súa creación.
O encontro estivo enfocado nas posibilidades de colaboración entre as entidades para promover unha rede máis segura e fiable para usuarios, administracións públicas e empresas en Galicia, a través do uso de ferramentas, posta en marcha de programas de alfabetización dixital e promoción de boas prácticas.
A Global Cyber Alliance é unha iniciativa internacional e intersectorial dedicada á misión de reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado no que vivimos. Para iso, unimos comunidades de todo o mundo baixo a nosa misión, implementamos solucións concretas e medimos os resultados. A GCA, constituída como unha empresa 501 (c) (3) nos Estados Unidos e como unha organización sen ánimo de lucro no Reino Unido e Bélxica, foi fundada en setembro de 2015 pola Oficina do Fiscal de Distrito de Manhattan, pola policía da cidade de Londres e o Centro de Seguridade en Internet. Para máis información: globalcyberalliance.org.
O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal é un espazo de colaboración público-privado constituído pola Amtega, o CCN, o INCIBE, as catro Deputacións Provinciais de Galicia e a FEGAMP. Ademáis dos seus membros fundadores, conta con preto de 50 entidades públicas e privadas adheridas ao mesmo. Grazas á coordinación e posta a disposición dos recursos dos seus fundadores e colaboradores, CIBER.gal traballa para deseñar e executar iniciativas para tres colectivos esenciais: a cidadanía, o tecido empresarial e a administración pública. Todas elas teñen como fin mellorar o nivel de ciberseguridade na contorna dixital galega, sensibilizar, capacitar e formar sobre a importancia da ciberseguridade a tódolos niveis e promocionar a industria galega neste eido. Para máis información: ciber.gal
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia contribúen ao progreso da sociedade galega a través da difusión e potenciación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Axudan ao desenvolvemento da actividade profesional dos enxeñeiros e enxeñeiras e á súa integración nos mercados de traballo. Fomentan a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico e asesoran ás administracións públicas, corporacións oficiais e particulares. Tamén realizan informes e estudos técnicos e establecen e fomentan relacións con entidades análogas, tanto nacionais como estranxeiras e supranacionais. Máis información en aetg.gal.