20 de marzo de 2023 I PuntoGal e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover conxuntamente produtos en galego. A intención de ambas as entidades é darlles visibilidade a libros, música, téxtil, alimentación, artesanía ou calquera outra categoría de produto no que se empregue a nosa lingua na comercialización, a etiquetaxe ou no contido.
A primeira actividade no marco deste acordo consistirá na selección dun conxunto mensual de produtos que se sorteará nas redes sociais. Para iso, a CTNL, co equipo do seu proxecto Agasallo, organizará un lote un pack e PuntoGal encargarase, por unha parte, de divulgar o traballo realizado polas empresas que os producen e, por outra, de sortealos entre aquelas persoas que compartan as publicacións e sigan as contas de ambas as organizacións.
De cada lote farase unha peza informativa para explicar a orixe dos produtos, a empresa que hai detrás ou a forma de contactar con eles, de tal forma que se lles posibilite unha nova canle de difusión. Do mesmo xeito, farase unha lista onde se irán incorporando os produtos co fin de que se poidan consultar e mercar en calquera momento. Tamén se abrirá unha vía de contacto para que calquera empresa ou entidade que produza en galego se poida poñer en contacto para ter a opción de participar desta iniciativa. O primeiro sorteo realizarase no mes de abril. Ambas as entidades publicarán a principios de mes o seu contido así como as bases para participar.
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinala que “un dos obxectivos fundamentais do dominio é apoiar, mediante o seu programa corporativo, actividades ou accións no ámbito da lingua galega. Este convenio é especialmente interesante para nós ao combinar o idioma co consumo, un ámbito onde é necesario salientar iniciativas onde o galego se abra paso”.
Para Janeiro “a recomendación e difusión dos produtos en galego merecen toda a nosa atención e neste caso, atopamos na Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua un perfecto aliado, xa que levan anos facendo este traballo a través do proxecto Agasallo”.
Pola súa banda, Anxos Sobriño, presidenta da CTNL, quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “vén reforzar a serie de sorteos que periodicamente xa viñamos realizando e que adoitan ter unha moi boa resposta entre os seguidores das redes. Con esta acción contribuirase a difundir ambos os proxectos e, en última instancia, os produtos e os seus creadores”.
PuntoGal e a CTNL
PuntoGal, o rexistro galego, conta con máis de 6.800 dominios e segue traballando para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega poidan facelo a un prezo competitivo.
O dominio continúa co seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as actividades realizadas figura o patrocinio dos Premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia, a organización dos Premios Spin-Off PuntoGal, a colaboración coas seleccións galegas de fútbol gaélico, a organización do certame de relatos coa Real Academia Galega, o soporte ao Museo do Pobo Galego no seu programa APOI de recuperación da memoria sonora de Galicia ou a aposta co Museo do Videoxogo de Galicia na súa sala dedicada á historia do videoxogo galego.
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua Galego é unha asociación nacida en 1996, que aglutina os/as profesionais da normalización lingüística en Galicia, botou a andar o proxecto Agasallo na Culturgal do ano 2013. Primeiro cun portal web específico e desde sempre nas redes sociais, o ánimo do proxecto mantívose inalterado: contribuír á difusión do traballo daquelas empresas e profesionais do ámbito cultural (mais non só) que visibilizan a lingua galega nos seus produtos e promover a elección de agasallos na nosa lingua.