PuntoGal converteuse esta fin de semana en membro do Padroado do Museo do Pobo Galego a proposta da institución que preside Concha Losada. A asemblea, celebrada este sábado en Santiago de Compostela, escenificou un paso máis na estreita colaboración e soporte mutuo que manteñen as dúas entidades.
O Padroado está integrado por institucións que traballan en prol da cultura de Galicia, especialistas en distintas áreas, empresas e representantes das Administracións públicas. O museo conta con tres clases de membros: padróns numerarios, padróns institucionais e representantes das socias e socios. PuntoGal, que forma xa parte dos padróns institucionais, nomeou como representante ao seu vicepresidente, Camilo Regueiro.
A asemblea tamén entregou a Xusto Beramendi González a súa Insignia de Ouro en recoñecemento á súa implicación co museo, do que é un dos fundadores e onde desempeñou distintos cargos, como o de presidente do Padroado.
PuntoGal mantén unha longa traxectoria de colaboración co Museo do Pobo desde os seus inicios. Do mesmo xeito, o Museo apoiou ao dominio desde que deu os primeiros pasos e, de feito, lanzou un dos dominios pioneiros, museodopobo.gal.
Unha das actividades nas que PuntoGal se involucrou especialmente foi no apoio ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), repositorio público e accesible que ofrece centos de gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural. O APOI conta con fondos de natureza moi diversa, como relatos, adiviñas, música, poesía ou baile, así como información relacionada musicolóxica, lingüística ou etnográfica. Igualmente, consta o traballo de campo no que se obtivo cada ficheiro, os datos do informante, o entorno xeográfico e temporal, o uso ou ocasión e os datos do compilador. Toda esta información verquése nunha única base de datos, accesible para toda a cidadanía.
O traballo que se realiza no arquivo inclúe o inventario dos soportes físicos, a transcrición, o estudo teórico das pezas, a súa catalogación e difusión. Accesible en liña en http://apoi.museodopobo.gal, os seus contidos son axeitados para o estudo, a investigación da nosa cultura tradicional, a docencia e mesmo o lecer.
PuntoGal e o Museo do Pobo
O Padroado do Museo do Pobo Galego naceu en 1976 por iniciativa da sociedade civil, como un compromiso colectivo coa realidade galega e polo empeño na normalización cultural do país. O obxectivo fundamental era a creación do Museo do Pobo Galego, que abriu as súas portas o 29 de outubro de 1977 no antigo convento de San Domingos de Bonaval.
O Padroado do Museo do Pobo Galego é unha asociación privada sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, que se sostén coas achegas dos seus membros, de institucións públicas e de entidades privadas e dos seus socios e socias.
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe conta cuns 6.900 dominios .gal rexistrados.
Entre as iniciativas nas que colabora o dominio figuran os premios Spin-Off PuntoGal, o patrocinio das seleccións galegas de fútbol gaélico, o apoio ás feiras galegas de autoedición ou a colaboración coa RAG no concurso de micro-relatos de máis participación de Galicia. Do mesmo xeito, traballa en distintas áreas do ámbito tecnolóxico como, por citar un exemplo, na ciberseguridade da man do Nodo galego Ciber.gal. Para máis información, pódese consultar a páxina www.dominio.gal.