31 de maio de 2023 · O Dominio PuntoGal e o portal GCiencia veñen de convocar a sétima edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que recoñecen as iniciativas máis innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades públicas galegas. As empresas e grupos de investigación interesados en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 15 de xullo. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nestes galardóns.
Como ven ocorrendo nos últimos anos, nesta nova edición os premios recoñecerán a labor desenvolvida polas empresas e os grupos de investigación galegos nas tres categorías dos galardóns. Entre os obxectivos deste certame figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade pública e a empresa e alentar o emprendemento dos grupos de investigación. Igualmente, a organización busca salientar iniciativas nas que prime a igualdade de xénero así como o uso do idioma galego.
No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías tan prestixiosas coma Imatia, Galchimia, Innolact, Mestrelab ou Casa Grande de Xanceda que foi a gañadora en 2022.
As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora neste apartado foi a empresa Indestia, spin-off da UdC, e noutros anos recibiron o galardón compañías como Situm, All Genetics, Psico VR e Alice Biometrics.
Entre os factores que terá en conta para a concesión dos premios en ámbalas dúas categorías atópanse a experiencia de mercado, vinculación ao ámbito universitario, volume de negocio, internacionalización, política de comunicación e mercadotecnia, relevancia do sector, empregabilidade, Responsabilidade Social Corporativa, contribución á creación dunha nova economía, relación coa investigación universitaria, perspectivas de crecemento e todos os aspectos que permitan acreditar a valía das spin-off gañadoras.
Os premios Spin-Off Punto Gal tamén recoñecen o traballo dos grupos de investigación dependentes dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste galardón, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado a candidatura gañadora foi a do grupo SING, vinculado á Uvigo.
Presentación de candidaturas
As empresas e grupos de investigación interesados en participar nestas dúas últimas categorías poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoff@dominio.gal, ou ben no formulario dispoñible na seguinte ligazón: https://i.gal/so23
Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou a empresa.
O xurado
O xurado estará integrado por personalidades vinculadas á investigación de recoñecido de prestixio. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías se darán a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase antes do final do ano.
A evolución das distintas fases do Premio irase detallando no microsite talentodeGalicia.gal, portal creado por GCiencia para dar a coñecer as novidades no mundo da innovación. O microsite recolle todas as novas que xurdan en relación con estes Premios e coas empresas nadas no ámbito das universidades galegas. As bases dos premios están publicadas e pódense consultar nesta ligazón https://i.gal/bso23 e na páxina web de PuntoGal.
Dominio PuntoGal e GCiencia
PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014, asóciase con GCiencia como co-organizador e patrocinador principal destes galardóns. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 6.900 dominios .gal rexistrados. A súa web é www.dominio.gal.
GCiencia é un xornal dixital envorcado ao fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de máis de 100.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España, e o Premio da Crítica de Galicia 2020.