Compostela, 24 de maio de 2023. O vindeiro día 10 de xuño celebrarase no local das Asociacións Itaca e A troita armada (Rúa do Pombal, nº18) a V Edición do FunFunFun.
O evento reúne a creadores e artistas de diversas disciplinas da autoedición, con especial participación da autoedición gráfica, a banda deseñada e os fanzines. Esta será a quinta edición, retomando así as edicións anuais do FunFunFun logo da interrupción dos anos pasados por mor da pandemia.
Patrocinio de PuntoGal
Unha das novidades deste ano é o patrocinio de PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 6.900 dominios .gal rexistrados. A súa web é www.dominio.gal.
Sobre este patriocinio, Dario Janeiro, director xeral de PuntoGal, comentou que ‘estas iniciativas, nas que o talento emerxente galego sae dos obradoiros de traballo e se expón, de xeito directo ao publico son un lugar no que tomar o pulso ao estado da creatividade de base nas nosas vilas e cidades’. Ademais, recordou que ‘este tipo de actividades nas que as artes constrúen comunidade e crean mercados con produtos orixinais son unha das liñas de actuación de PuntoGal neste ano, no que tamén imos dar o noso apoio ao Autobán, na Coruña e ao Vaiavaia en Lugo’.
Unha xornada chea de actividades
As actividades comezarán ás 12 horas. Durante todo do día e até as 21h estará aberto o mercado onde distintas autoras e colectivos poderán expor e vender as súas obras. Ás 12:30 horas os responsábeis do proxecto editorial Pérgamo Library presentarán a súa plataforma para a autoedición e ás 13 horas comezará a picada en Sesión Vermú co DJ Esteban, que se estenderá até as 15h.
Pola tarde, ás 16:30 horas comezará a primeira das charlas do día, titulada “Debate sobre o estado da Fanzinación” e moderada por Xaime Lis, na que se fará un repaso á escena dos eventos de autoedición e do mundo dos fanzines logo do parón da COVID da man de Paula Esteban, membro do equipo de organización do Autobán, o editor David Calviño (Kalvinger) e a autora e ilustadora Xulia Pisón.
Ás 18 horas picará o 3SX3SO Dj, como prólogo á presentación dos fanzines do Autobán e do FunFunFun. De seguido, Neves Rodríguez moderará a charla sobre cuestións de xénero titulada “Disidencias no Fanzine” que comezará ás 19:30 horas e contará coa participación dos colectivos “Guísomo eu!” e “A muller de 6 ollos”, así como coa artista e fanzineira Greta Debelius.
Pecharemos as actividades coa celebración do xa tradicional Combate de Debuxantes que comezará ás 21 horas e no que oito loitadores e loitadoras da creatividade competirán entre si amosando o seu talento e a súa axilidade mental para debuxar unha serie de conceptos aleatorios escollidos entre as suxerencias do público.
Toda as actividades son de balde.
Programación FunFunFun 23
12:00. Apertura Mercado.
12:30. Presentación Tórculo Pérgamo.
13:00. Sesión Vermú con Dj Esteban.
16:30. Charla: Debate sobre o estado da Fanzinación.
18:00. Sesión música con 3SX3SO Dj.
19:00. Presentación Autozine & FUNzine
19:30. Charla: Disidencias no Fanzine.
21:00. Combate de debuxantes.
Para máis información: eufunofunfunfun@gmail.com