O presidente de PuntoGal, Manuel González, e o responsable da Folkoteca Galega, Julio Jesús León Pérez, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que o dominio apoiará a este proxecto de dixitalización da música tradicional galega.
A acción enmárcase na colaboración institucional de PuntoGal con entidades que manteñen proxectos no ámbito da lingua, a cultura ou a tecnoloxía en Galicia. Neste caso, a Folkoteca Galega é un proxecto sen ánimo de lucro para recoller, clasificar, dixitalizar, difundir e espallar a música tradicional galega a través da web. O seu obxectivo fundacional é fornecer acceso a recursos deste tipo de música a todos os interesados en coñecela, aprendela ou usala no ámbito didáctico.
A páxina pasará a empregar o dominio folkotecagalega.gal, desde onde seguirá non só a recoller as cantigas tradicionais nas súas diferentes formas, senón tamén a reproducir as súas partituras.
O promotor da iniciativa, Julio Jesús León, sinala que a Folkoteca “agradece o interese e o apoio feito desde PuntoGal porque supón unha garantía da viabilidade do proxecto”. Ademais, valora a importancia da colaboración de PuntoGal, xa que “permite establecer as bases para que o proxecto da Folkoteca teña estabilidade no tempo e abre as portas á exploración de novas formas de colaboración para dixitalizar e promover a música tradicional galega”.
Pola súa parte, o Director xeral do dominio, Darío Janeiro, sinalou que o convenio con Folkoteca galega “forma parte do espírito do programa corporativo de PuntoGal de apoio a iniciativas de base que traballan pola cultura galega, neste caso no ámbito da música tradicional”. Nese sentido, a Folkoteca é “unha ferramenta útil para a divulgación, pero tamén un recuncho para preservar a memoria do que somos”.
PuntoGal engloba esta colaboración dentro do seu programa corporativo de apoio a iniciativas do ámbito da lingua, a cultura ou a tecnoloxía, na que tamén figuran o premio Spin-Off PuntoGal, o apoio ao podcast Café Derby, os directos de Twitch de Balea Vermella sobre ciencia, a colaboración con Vinte en temas de internet ou certame de microrrelatos coa RAG, entre outras actividades.