Novas, Novas de interese

PuntoGal e a Sons de Breogán asinan un convenio de colaboración

O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e o presidente de Sons de Breogán, Daniel Fiaño, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal Sons de Breogán se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, os socios de Sons de Breogán poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático

PuntoGal e Sons de Breogán

PuntoGal, que conta con máis de seis mil dominios rexistrados, quere “continuar a promover convenios con entidades coma Sons de Breogán, que combina o traballo en común para os artistas que fan música na nosa lingua con espazos de comercialización e divulgación da mesma”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.

Janeiro tamén comentou “a importancia que ten a posta en marcha de plataformas que van máis alá da tendo en liña para ofertar aos creadores servizos de imaxe, comunicación ou representación, deixando que se concentren no que saben facer ben, que é música”.

Pola súa banda, Daniel Fiaño quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “busca apoiar a cultura do país na nosa lingua” . Fiaño tamén salientou que “a sinatura axuda a tecer os lazos de colaboración que queremos conseguir”.

O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que os asociados de Sons de Breogán poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.

Nas últimas semanas PuntoGal asinou outros convenios con entidades de diverso tipo, como é o caso da iniciativa fala.gal.