Proxectos

O Museo do Videoxogo, aberto todos os sábados do ano

A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia anunciou un acordo co Concello de Cangas do Morrazo grazas ao cal o Museo do Videoxogo (MUVI) oferta un horario de visitas continuo, semanal e gratuíto. Un acceso universal que constitúe un fito único dentro do panorama cultural do videoxogo en España e por suposto en Galicia.A Concellaría de Cultura e a Alcaldía de Cangas fan posible que os valores e a visión da Fundación MUVI sobre os videoxogos poidan chegar, de xeito habitual e de balde, a toda a poboación dunha forma transversal, inclusiva, rigorosa, e cun transfondo cultural.

O sábado 6 de novembro ás 16:30 levarase a cabo un acto no MUVI de Cangas, que marcará o inicio do horario regular do MUVI: tódolos sábados de 16:30 a 20:00.
O acto inaugural contará coa presencia de personalidades do consistorio, e incluirá unha mostra extensa de videoxogos interactivos, acompañada de música en directo. Expresións culturais diversas daranse a man no interior da totalidade dos espazos de Trebella e o MUVI, na Rúa Andalucía no 10.

A Fundación ten por unha banda a misión de analizar a historia do videoxogo como algo continuo e vivo, e por outro a vontade de presentar o mundo do videoxogo ao público como unha forma de expresión cultural máis, coa rigorosidade e o respecto que se merece, de forma transversal e inclusiva a toda a poboación.

Dende a inauguración do MUVI, ademais das aperturas públicas eventuais das súas instalacións que tiveron lugar ao longo destes últimos dous anos, a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia desenvolve múltiples proxectos innovadores no que respecta ao ámbito dos videoxogos, cun enfoque cultural, didáctico e divulgativo.
A Fundación está a ter unha forte presencia en Galicia grazas a colaboracións con entidades públicas e privadas do ámbito da administración, da Universidade e da cultura, como o Salón do Libro do Concello de Pontevedra, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo ou a Fundación Carlos Casares. Tamén está a colaborar coa industria do videoxogo galega na creación de videoxogos que agora mesmo están en proceso de desenvolvemento.