Novas, Novas de interese

PuntoGal participará no Foro da Comunicación e nos VI Premios Paraugas

O próximo venres día 12 de novembro, terá lugar en Expourense o 9º Foro da Comunicación e os VI Premios Paraugas, organizado polo Clúster da Comunicación e Expourense e onde PuntoGal participará de forma activa como patrocinador e membro do clúster.

O 9º Foro da Comunicación, que este ano leva o título “Comunicar en tempos de incertidume”, contará con varias mesas redondas e conferencias durante todo día 12, onde profesionais do márketing e da comunicación en Galicia compartirán as súas experiencias. PuntoGal é un dos membros que forman parte do comité que organiza este foro, que se leva celebrando dende o ano 2012.

Na mesa “Reflexións esenciais para potenciar o márketing de contidos” participará como moderador o director de márketing de PuntoGal, Luís Antelo. Haberá unha mesa redonda sobre “Comunicación e Igualdade” organizada por Executivas de Galicia e outra sobre Fake News coordinada por Luisa López, da Asociación de Xornalistas da Coruña. Entre as conferencias haberá temas variados, como a de Xurxo Torres, sobre “O relato da mentira e o algoritmo”, a de “Márketing na era da controversia” impartida por Fernando Vega , outra sobre “Xornalismo e Deseño” onde participaran varias persoas expertas no tema e a conferencia de clausura presentada por Julián Abad e impartida por Oriol Vidal titulada “O mellor momento é agora”. Pódese consultar o programa na seguinte ligazón.

Pola noite terá lugar a gala de entrega dos VI Premios Paraugas, que premian aos mellores traballos en edición, impresión, deseño, creatividade, márketing dixital, márketing, comunicación e eventos desenvolvidos en Galicia. Un dos principais obxectivos dos Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia, creados en 2016 polo Clúster da Comunicación, é servir de plataforma para a difusión do talento dos profesionais do sector. Cada categoría conta con varios premios.

En canto á entrega de premios, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, será o encargado de entregar a Categoría de Márketing Dixital, Pemios PuntoGal que patrocina a entidade, que destacan a mellor estratexia de márketing dixital, a mellor campaña de produto ou servizo e o mellor proxecto de social media.

A Categoría de Deseño premia ao mellor deseño gráfico, mellor deseño industrial ou de produto, mellor deseño dixital. Na Categoría de Impresión e Edición escolleranse o mellor libro, mellor traballo de publicidade comercial e mellor traballo comercial. Para a Categoría de Creatividade terase en conta a mellor idea, mellor campaña e mellor producción e a Categoría de Márketing destacará a mellor estratexia/acción de branding, a mellor estratexia/acción de produto e a mellor acción de promoción de vendas. A mellor estratexia de comunicación externa, mellor estratexia de comunicación interna e mellor práctica na comunicación da RSE serán premiadas na Categoría de Comunicación e na de Eventos teranse en conta o mellor congreso, o mellor incentivo de empresa e o mellor evento.

O xurado destes premios, como cada ano, está formado por profesionais con experiencia e prestixio en cada unha das categorías que se recoñecen.

PuntoGal leva colaborando co Clúster da Comunicación nos últimos anos, tanto como patrocinador dos Premios Paraugas e colaborador de FLÙOR, a gran festa do Marketing Dixital, como membro do grupo que representa a cadea de valor da comunicación en Galicia.

Toda a información pódese consultar nas web clustercomunicacion.gal.