Proxectos

Mestrelab, Alice Biometrics e LBD, gañadores dos Premios Spin-Off PuntoGal

A spin-off da USC Mestrelab Research (Selo de Calidade), a start-up viguesa Alice Biometrics (Idea Emerxente) e o grupo Laboratorio de Bases de Datos (Grupos de Investigación) resultaron elixidos gañadores, nas súas respectivas categorías, polo xurado da V edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que se reuniu a semana pasada en Santiago.

A spin-off da USC Mestrelab Research (Selo de Calidade), a start-up viguesa Alice Biometrics (Idea Emerxente) e o grupo Laboratorio de Bases de Datos (Grupos de Investigación) resultaron elixidos gañadores, nas súas respectivas categorías, polo xurado da V edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que se reuniu a semana pasada en Santiago.

O elevado nivel das propostas presentadas foi un dos factores destacados polo xurado nesta nova edición dos premios, que organizan o dominio PuntoGal e GCiencia e que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis.

O xurado acordou por unanimidade a concesión de cada un destes galardóns despois dun  longo debate en cada categoría, dadas as dificultades para elixir gañadores nos tres apartados existentes. Entre os obxectivos dos premios figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios.

Identificación biométrica remota

Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de recente creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora en tempos recentes, foi elixida como gañadora a empresa de Vigo Alice Biometricsque desenvolveu unha solución á necesidade de poñer en marcha sistemas de identificación biométrica remotos. Esta aplicación permite a outras compañías e institucións verificar a identidade dos seus clientes e usuarios mediante un documento de identidade e unha autofoto. O proxecto de Alice Biometrics creouse dentro do centro de investigación Gradiant, no que participan as tres universidades galegas.

No que se refire ao apartado de Grupos de Investigación, o xurado acordou elixir como gañador ao Laboratorio de Bases de Datos (LBD), grupo adscrito á Universidade de A Coruña. Destácase especialmente a traxectoria dun grupo que ven traballando dende o ano 1996 no ámbito das tecnoloxías de bases de datos e sistemas de información para a xestión de empresas e entidades, con fitos como a creación da Biblioteca Virtual Galega. Ademais, o grupo está encabezado pola prestixiosa investigadora Nieves Rodríguez Brisaboa, que obtivo o Premio Nacional de Informática en 2019.

Por último, no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras que consolidasen unha traxectoria de prestixio nos últimos anos, premíase á spin-off da Universidade de Santiago Mestrelab Research. Trátase dunha compañía nacida en 2004 que converteuse nun dos líderes mundiais no software especializado en investigación química. O xurado destacou o elevado nivel de internacionalización da compañía e a capacidade para consolidar un modelo de negocio de éxito e tamén tivo en conta a súa aposta polo talento local nun campo de actuación moi competitivo.

Membros do xurado

Os integrantes do xurado foron as investigadoras Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca; o representante da Secretaría Xeral de Universidades,  Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín.  O acto de entrega dos premios terá lugar este mesmo ano en A Coruña, nun acto que contará coa presenza de destacados representantes institucionais, académicos e empresariais.

En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Imatia ou Innolact, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics. En 2020 os gañadores foron o grupo VARPA (Grupos de Investigación), Psico VR (Idea Emerxente) e Orballo (Selo de Calidade).