Novas, Novas de interese

PuntoGal colabora coa XXV Noite Galega da Telecomunicación

PuntoGal estará presente, un ano máis, na Noite Galega da Telecomunicación e a Sociedade da Información que se celebra este venres, 22 de outubro, en Santiago de Compostela. O evento, organizado pola Asociación de Enxeñaría en Telecomunicación de Galicia (AETG), contará co patrocinio do dominio, no marco das accións de colaboración que ambas entidades desenvolven de forma periódica.

A Noite é un evento de networking que reunirá, como fai cada ano, aos profesionais do sector TIC galego no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela.  Este ano celébrase o seu XXV aniversario baixo o eslogan Liderando a transformación dixital galega. Durante o acto entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que recoñecen ás empresas, profesionais e entidades que traballan a favor do progreso tecnolóxico de Galicia e realizan boas prácticas no sector.

PuntoGal, que recibiu a distinción de Socio de Honra da AETG no ano 2015, estará representado no evento polo seu director xeral e varios membros da directiva. O dominio quere felicitar á AETG polo aniversario de A Noite e polo traballo desenvolvido pola entidade organizadora nos últimos anos.

A colaboración de PuntoGal coa AETG iniciouse co nacemento do dominio. A Asociación de Enxeñaría en Telecomunicación forma parte dos dominios pioneiros e apoiou desde o primeiro momento a posta en marcha do rexistro galego. Froito da boa relación entre ambas entidades figura, por exemplo, os actos conxuntos de conmemoración do Día das Letras Galegas ou a participación en feiras como o Culturgal.

PuntoGal engloba esta colaboración nseu programa corporativo de apoio a iniciativas do ámbito da lingua, a cultura ou a tecnoloxía, na que tamén figuran o premio Spin-Off PuntoGal, o apoio ao podcast Café Derby, os directos de Twitch de Balea Vermella sobre ciencia, a colaboración con Vinte en temas de internet, o certame de microrrelatos coa RAG ou os patrocinios ao fútbol gaélico, entre outras actividades.

PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet .gal. A día de hoxe, conta máis de 6.000 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.