O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e a presidenta de O Salto Galiza, Clara Figueroa, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal O Salto se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, os socios de O Salto Galiza poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático
PuntoGal e O Salto Galiza
PuntoGal, que conta con máis de seis mil dominios rexistrados, quere “continuar a promover convenios con entidades coma O Salto Galiza, que reflexan a pluralidade informativa na nosa lingua e promoven a participación dos lectores na xestión e sostemento dos medios de comunicación”, en palabras do presidente de PuntoGal, Manuel González.
González tamén comentou “a importancia de manter a identidade a través da lingua mesmo en plataformas informativas que teñen vocación de alcanzar públicos máis alá do ámbito galego, convivindo con outras linguas do estado e normalizando a súas relacións e interaccións”.
Pola súa banda, Clara Figueroa trasladou desde O Salto a súa gratitude cara PuntoGal, “unha asociación que está dotando de estrutura a axentes coma O Salto Galiza para que a nosa lingua se desenvolva en todos os eidos, facilitando a chegada de información independente a audiencias máis amplas”. Desde o medio galego consideran tamén que “a sinatura do convenio é un paso adiante para O Salto, co que consolidamos o noso compromiso coa información de preto, de calidade e en galego.”
O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que os asociados de O Salto Galiza poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.